750 aniversario da vila eumesa

750 aniversario da vila eumesa
27 de Maio, 2020 - 11:28 h. | Publicada por Radio Fene

O libro "Artistas da comarca eumesa (S.XII-XIX)" ve a luz coincidindo co 750 aniversario da fundación da vila eumesa. Recopila aos numerosos artesans que construiron a vila e outros enclaves da comarca, co seu bo facer.

ESCOITA O PODCAST:

Pondeteume celebra o 750 aniversario da súa fundación

Os libros de historia fixeronos crer que as vilas e cidades fundáronas grandes homes con nomes gloriosos e nobres. O libro “Artistas da comarca eumesa (s. XII-XIX)” da editorial Espiño Albar, demóstranos que non é así. As súas autoras Carolina Macedo Cordal e Lucía Castro Fernández, xunto con Henrique Sanfíz Raposo, recopilan unha longa lista de canteiros, ferreiros, carpinteiros, prateiros, douradores, músicos, bordadoras ou escultores que, ao longo de oito séculos foron quen de conformar o que foi e o que é na actualidade boa parte da comarca eumesa. O libro aparece coincidindo co 750 aniversario da fundación de Pontedeume, segundo un privilexio asinado polo rei Alfonso X o Sabio. Dentro das conmemoracións estaba prevista a súa presentación pero a situación de alarma sanitaria tenno en corentena e, de momento non temos unha data esacta. Co libro está prevista a apertura dunha exposición dos documentos relacionados coa investigación levada a cabo polos autores.

Unha longa investigación

Unha delas, Carolina Macedo apunta que o proceso de investigación foi moi lento, recopilando durante anos todo o que ía aparecendo en libros, no arquivo de protocolos notariais de A Coruña, arquivo de Pontedeume, arquivo diocesano ou nas igrexas que conservaron a documentación. “Artistas da comarca eumesa (s. XII-XIX)" reúne numerosos artesáns de todo tipo de oficios que foron os que ergueron a vila de Pontedeume e numerosas construcción da súa contorna. O que foi e o que queda fixéronno eles, segundo defende Carolina Macedo. “Non só a nobreza e os Andrade fixeron a vila. Foi a xente normal quen a levantóu, os artífices do castelo, a ponte, a igrexa... Non só co seu traballo, tamén cos seus impostos e doazóns. Macedo podería escoller moitas anécdotas entre os protagonistas do libro pero prefire deixarnos a sensación que lle provoca a ela. “Chamoume a atención que son familias moi importantes a nivel galego, familias que xeración tras xeración seguiron traballando ao longo dos séculos”. Carolina cita como exemplo, Os Canto, familia de reloxeiros e ferreiros que traballaban por todo o país; a familia dos Gallego ou Galego, ou os Gárate que eran prateiros. Tamén os Ricoi, canteiros que chegaron aquí para facer as obras impulsadas por Raxoi. Casou Merchor Ricoi en Cabanas e aquí quedaron os seus descendentes. Ergueron no século XVIII as principais obras; varias igrexas ou o pazo do Arcebispo en Pontedeume. Atopar os planos da torre da igrexa, xa desaparecida, foi dunha grande importancia. A construcción da ponte é outro capítulo relevante no libro que utiliza a ponte medieval como portada do mesmo. “A ponte une os territorios e vertebra o traballo realizado polos tres autores porque inclúen obras realizadas noutros municipios como Cabanas, Mugardos, Ares ou Fene.

Cando e como será a presentación de “Artistas da comarca eumesa” non se decidiu de momento. Estaba prevista entre os meses de xuño e xullo. A expectación é grande.

Cultura

Publica o teu comentario agora