770 mulleres inscribíronse no amplo abano de obradoiros de A Casa da Muller

770 mulleres inscribíronse no amplo abano de obradoiros de A Casa da Muller

21 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Casa da Muller de Ferrol vén de inaugurar a programación deste 2010 cunha gran variedade de obradorios gratuítos. Ao redor de 700 mulleres da zona rural e urbana apuntáronse nestes cursos que se desenvolverán ata o mes de maio. A gran demanda dalgunhas actividades, como a de pintura creativa ou danza, obriga á realización de dúas quendas de mañá e tarde.

O calendario de actividades desenvólvese de luns a venres. Os luns, ademais de Pintura creativa, as instalacións da rúa Lugo acollen un obradoiro de Memoria, ás 11 da mañá e ás 6 da tarde, e outro de habilidades sociais ás cinco. Na xornada do pasado luns as actividades trasladáronse tamén a dúas entidades de mulleres: a Asociación de Mulleres Rurais de Doniños, onde se celebrou o obradoiro “O pé un botiquín natural na casa” e á Asociación de Mulleres Amistad do barrio de Santa Mariña, co obradoiro “Coas nosas mans a terra fala: barro”, que imparte a ceramista Rosa Jove.
 
Os martes, adicaranse á danza e ao cine con dúas actividades impartidas por profesionais na materia e cunha ampla experiencia no traballo con mulleres. Ás once e media e ás doce e media celebrarase o obradoiro de danza e pola tarde, ás cinco, o de “Luces, cámara e acción... documentais”. 

En canto aos mércores, tres son as iniciativas programadas na Casa da Muller: “A porta de atrás...”, ás cinco, “Danza”, ás 6, e “Escritura creativa”, ás seis e media. Os xoves, novamente en dúas quendas ás 11 e ás 5, desenvolverase o curso “Coas nosas mans a terra fala: barro”. O obradoiro de fotografía creativa levarase a cabo os venres, en dúas quendas de mañá e tarde.  

Sociedade