Abanqueiro vive mañá a súa tradición máis retranqueira

Abanqueiro vive mañá a súa tradición máis retranqueira

20 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

O enterro do óso é unha tradición que se ven celebrando na parroquia de Abanqueiro (Boiro) dende hai máis de cen anos. Esta tradición consiste nunha especie de acto funerario con moita retranca durante o cal se procede ao enterramento dunha cacheira de porco na horta do último que se casou en Abanqueiro. Con este enterramento faise unha festa con filloas, orellas, viño e o gasto corre a cargo do homenaxeado/a.

Neste ano haberá un triple enterro. Por unha banda, Toño e a Silvia, recén casados. Tamén homenaxeárase a José Blanco (“Cocó”) e a Lucita. E, por último, a Monolo (“o Panchiño”) e a Maruja, que neste ano 2010 celebran as súas vodas de ouro. 

O evento terá lugar mañá domingo a partires das doce da mañá  coa tradicional procesión de matraquillos. Ás catro da tarde procederase ao enterramento da cacheira de porco en cada unha das casas dos homenaxeados este ano. 

A celebración contará cunha boa comida con churrasco, orellas e filloas acompañada  de refrescos e un bo viño para os máis grandes. Asemade, os máis pequenos poderán  disfrutar dalgúns inchables.  

Esta iniciativa está promovida, dende hai varios anos, por algunha da xente nova de Abanqueiro encabezados por Pepe Vidal.  

Sociedade