Abre a biblioteca

Abre a biblioteca
05 de Xuño, 2020 - 11:11 h. | Publicada por Radio Fene

A biblioteca municipal de Fene abrirán as súas portas o luns 15 de xuño. A Concellería de Cultura aplicará unha serie de medidas e cambios no funcionamento habitual dos servizos  para garantir a seguridade de todas as persoas.

A biblioteca ofrecerá nun primeiro momento os servizos de préstamo de materiais, tramitación e recollida de carnés da biblioteca e consulta en sala restrinxida a fondos especiais, todo eles baixo o sistema de cita previa. Tamén se seguirá ofrecendo o servizo de información xeral e bibliográfica. Ademais, as persoas usuarias que aínda teñan materiais emprestados na casa xa poden devolvelos no buzón de devolucións situado no exterior da Casa da Cultura, mesmo antes da reapertura do centro ao público. Se hai algunha dificultade para o seu uso ou teñen materiais que non poden ser depositados no buzón, a partir do luns día 8 poderán chamar aos números 981 34 23 02 / 607 625 346 - en horario de luns a venres, de 09:00 a 14:00 horas-, ou escribir un correo a fene.rbgalicia@eidolocal.es para facilitar unha solución alternativa. Ademais, anúnciase que, para facilitar o retorno de materiais, ata o 30 de xuño non haberá sancións nas devolucións. Unha vez aberta a biblioteca, os materiais devoltos seguirán sendo depositados no buzón ou nas caixas ubicadas para ese cometido.

 

Polo momento non se permitirán as devolucións no mostrador. Todos os materiais devoltos poranse en corentena durante 14 días para asegurar a súa correcta desinfección. Non se poderán facer reservas de materiais prestados ou en corentena, ata novo aviso. Respecto á solicitude do carné, pódese facer este trámite en liña a través da web https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-memberentry.pl. É importante lembrar que tanto para a tramitación presencial como para a recollida do carné da biblioteca, é imprescindible acudir co DNI, NIE, pasaporte ou carné de conducir. As persoas usuarias non terán acceso á sala de lectura nin ás salas de préstamo, polo que todos os materiais serán solicitados ao persoal por teléfono ou por correo electrónico no momento de concertar a cita, ou de forma presencial no momento da súa visita reservada previamente.

Consultas online

Pódense  consultar os materiais existentes e dispoñibles na biblioteca a través de https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/ ou tamén a través do teléfono, correo electrónico ou durante a súa cita presencial. A atención presencial ofrecerase, con carácter xeral, entre as 10:30 e as 13.30 horas, sendo necesario reservar cita previamente a través dos números 981 34 23 02 / 607 625 346 ou enviando un correo a fene.rbgalicia@eidolocal. O horario de atención telefónica será de luns a venres, de 09:00 a 14:00 horas, namentres que o correo electrónico estará dispoñible as 24 horas durante os 7 días da semana.  Unha vez solicitada a cita, o persoal municipal confirmaralle á persoa o día e hora no que poderá acudir a recoller os materiais. Á biblioteca deberá acudir só a persoa que teña asignada a cita previa, sen acompañantes, a menos que se trate de persoas dependentes, que precisen axuda ou que estean en calquera outra situación que xustifique o acompañamento. Deberase informar desa circunstancia xa no momento de solicitar a cita. Quedan exceptuadas deste suposto as persoas menores de 14 anos que sempre virán acompañadas dunha persoa adulta.

Se algunha persoa ten dificultades para acudir á biblioteca para levar materiais en préstamo, poderá autorizar a outra persoa a empregar o seu carné. Para empregar o servizo de préstamo é indispensable vir co carné da biblioteca. Por último, dende a biblioteca municipal de Fene lembran que as empresas provedoras de subministros deberán cinguirse ao horario de 09:00 a 10:00 horas e cumprir con estrictas pautas de seguridade para entregar as mercadorías.

Cultura

Publica o teu comentario agora