Acampar no corazón da Frouxeira

Valdoviño abre as portas do seu cámping municipal tras unha transformación radical
31 de Xullo, 2019 - 10:30 h. | Publicada por Radio Fene

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, realizou unha visita ás instalacións xunto aos responsables da UTE concesionaria da explotación e promotora das obras. O espazo darase a coñecer ao público este venres 2 de agosto, cunha xornada de portas abertas a partir das seis da tarde.

A lagoa e praia da Frouxeira, cos aires do Atlántico inundándoo todo, é o marco singular e incomparable no que hoxe abría as súas portas o cámping de A Lagoa, tras un ano de obras que supuxeron unha transformación radical das instalacións. O alcalde, Alberto González, realizou xunto a Benito Vega, concelleiro de Obras, unha visita a este espazo municipal no que Eliseo Carballeira, Fernando Martín e María José Vázquez, responsables da UTE concesionaria da explotación do servizo, e promotora da actuación, actuaron como anfitrións. Xunto a eles, Ramón Montero, arquitecto da firma que desenvolveu a ambiciosa intervención de reforma das instalacións. O resultado poderá verse este venres, 2 de agosto, nunha xornada de portas abertas que arrancará ás 18 horas.

Cambio radical

O cámping municipal de A Lagoa ofrecerá unha experiencia única os 365 días do ano. Conta con catro tendas glamping, con capacidade cada unha delas para 4 persoas e dispostas de todas as comodidades posibles. Dúas delas, incorporan cuarto de baño con ducha e dous dormitorios: un con cama de matrimonio e o outro con literas. A infraestrutura complétase cunha terraza exterior con barra para almorzo, mesa e cadeiras e un sofá no que desfrutar das vistas da Frouxeira. Un auténtico luxo a pé de areal. A oferta complétase con 73 parcelas coas súas correspondentes tomas de electricidade tanto para a instalación de tendas como autocaravanas. Estas dispoñen á súa vez dunha área específica para o baleirado de augas residuais. Así mesmo, na parte posterior da parcela habilitouse outra gran zona, o 5% da superficie total, para acampada libre.O gastrobar, cunha ampla terraza de 80 metros cadrados, constitúe un dos grandes reclamos do espazo.

Aberto de 8 a 23,30 horas para o público, con independencia de que faga a súa reserva de aloxamento, disporá dunha carta variada de comidas e, sobre todo, destaca deste espazo a grada anexa, que permite desfrutar dunhas vistas incribles e dunha posta de sol excepcional. Xunto a este espazo de restauración, o cámping dispón dunha Aula Multiusos idónea para a celebración de exposicións, conferencias, accións formativas... que abren un abano infinito de posibilidades.

As instalacións complétanse cun espazo para lavandería que, amáis de lavadora e secadora conta con 7 lavadoiros e máis 8 fregadeiros. E dous módulos de aseos; 9 duchas e 9 baños en cada un deles e completamente accesibles para persoas con mobilidade reducida. Unha condición que acompaña ás instalacións, habilitáronse dúas prazas de estacionamento xunto á zona de cafetería para facilitar o seu acceso.

Emprego

As instalacións arrancan con 11 traballadores, aínda que a previsión é continuar medrando en función das boas perspectivas.

Respeto ao medio

Unhas instalacións accesibles e extremadamente respetuosas co medio. Un aspecto no que incide empresa e administración. Na construción recurriuse a materiais acordes coa contorna: madeira e formigón fundamentalmente. Ademais, como fonte enerxética principal para quentar a auga optouse por unha caldeira de pellets e, para evitar o seu consumo excesivo, as duchas activaranse co recoñecemento do lector das pulseiras das que disporán os usuarios rexistrados no cámping.

Reservas

Poden formalizarse a través do correo electrónico info@campingalagoa.com ou o teléfono 881 06 26 56 e, en breve, habilitarase esta posibilidade a través da web do cámping: www.campingalagoa.com.

Sociedade

Publica o teu comentario agora