Accións conxuntas entre Fene e AFAL

O Centro Sociocomunitario de Fene acollerá os talleres de estimulación cognitiva.
11 de Outubro, 2019 - 12:06 h. | Publicada por Radio Fene

A concelleira de Benestar Social de Fene, Tamara Miragaya, avanzou esta mañá a posta en marcha de talleres de estimulación cognitiva para persoas afectadas de alzheimer e outras demencias. A iniciativa levarase a cabo en colaboración con AFAL Ferrolterra, que guiará os obradoiros cuxa participación será completamente gratuíta.

Hoxe mesmo abríase o prazo de inscrición na iniciativa para o que hai que anotarse, ben no Centro Municipal de Servizos Sociais de Fene ben en AFAL Ferrolterra. A concelleira fenesa de Benestar explicou que se celebrarán dúas sesións semanais, os martes e os xoves, de 18 a 20 horas, no Centro Sociocomunitario de Perlío. A intención do Concello de Fene é iniciar os obradoiros a próxima semana.

Precisamente, este espazo convertíase onte á tarde en escenario do curso “Coidar ao Coidador”, dirixido ás familias e froito da colaboración entre Concello, municipio solidario co alzheimer, e AFAL. No mesmo, o alcalde, Gumersindo Galego, e o presidente da asociación, Francisco Pantín, coincidían á hora de sinalar que cos talleres que se levarán a cabo en Fene contribuirase a lograr o obxectivo compartido de mellorar a calidade de vida das persoas afectadas e o necesario respiro familiar dos seus coidadores. (Na imaxe, reunión celebrada no concello de Fene entre os responsables municipais e de AFAL)

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora