ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
O programa de actividades, artellado polos departamentos de Cultura e Servizos Sociais do Concello de Fene, plantéxase como alternativa de ocio e lecer para nenos e nenas durante o período estival, á par que se ofrece como recurso para que os pais e as nais poidan compatibilizar a súa vida persoal e laboral.
O Verán Máis Alá é un programa pioneiro na comarca. Dende hai oito anos o Concello de Fene oferta esta actividade dirixida a nenos e nenas de 3 a 12 anos, con dous obxectivos principais: educar e entreter aos pequenos durante as súas vacacións de verán e, por outro lado, axudar ás familias a conciliar a súa vida laboral e persoal. O programa desenvolverase durante todo o mes de xullo entre as instalacións do colexio Centieiras de Perlío e outras dependencias municipais como a piscina ou o parque de educación viaria, segundo explicou en Radiofusión o concelleiro de Cultura de Fene, Edgar Vigo.
Ademais de fomentar o emprego do galego como lingua vehicular en tódalas actividades, o Verán Máis Alá pretende tamén promocionar outro tipo de valores entre os participantes. A concelleira de Igualdade e Benestar de Fene, Rita Couto, citou algúns como a “educación en igualdade e corresponsabilidade ou a ecoeducación”.
Para participar no Verán Máis Alá cómpre inscribir aos pequenos, entre o 25 de maio e o 5 de xuño, no Departamento de Cultura e Ensino do Concello de Fene. No caso de que a demanda de prazas supere a oferta prevista este ano –que ascende a 120- aplicarase un novo sistema de baremación no que se terán en conta as condicións persoais e familiares do neno.