Actividades alternativas para as noites dos sábados en Ordes

Actividades alternativas para as noites dos sábados en Ordes

19 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

Rocódromo, tiro con arco, elaboración de cócteles sen alcol, fotografía nocturna, baile. Son actividades dirixidas a rapaces e rapazas de 12 a 17 anos. Realizaránse no pavillón municipal do Paraiso os sábados, dentro do programa Faro, de prevención da drogodependencia.

O alcalde de Ordes, Manuel Regos, presentaba esta mañá xunto á concelleira de Servizos Sociais e Terceira Idade, Ana Mª Álvarez, un novo programa que se porá en marcha no municipio, o programa Faro. Tal e como explicaron os responsables municipais trátase dun programa no que se traballará a prevención do alcolismo e a inserción social das persoas afectadas. Concretamente o programa consiste en ofrecer información e asesoramento ao colectivo afectado polo alcolismo para a súa inserción social, e tamén ao seu entorno para a reducción de riscos asociados a persoas que están en risco de padecelo.

Desenvolveranse tres accións diferentes. A primeira delas será a creación dun grupo de psicoeducación para previr conductas de risco no consumo de alcol consistente en orientar ás persoas afectadas e ás súas familias sobre a verdadeira realidade do alcol mediante talleres grupais informativos dirixidos a adultos. Organizaranse sesións quincenais nos meses de marzo a xuño. En segundo lugar realizaranse as “Noites psicoeducativas” cuxo obxectivo será prestar apoio social aos colectivos en risco que lles permitan ter alternativas de ocio en espazos libres de consumo de alcol. Distribuiranse en tres sesións nocturnas, as noites dos sábados 8 e 22 de maio e 5 de xuño, en horario de 21:30 a 0:30 horas da noite no pavillón municipal do Paraíso. As actividades que pasarán por un rocódromo, tiro con arco, elaboración de cócteles sen alcol, fotografía nocturna, baile, etcétera, estarán dirixidas a rapaces e rapazas de 12 a 17 anos.

Por último levaranse a cabo dúas sesións da Escola de Familias co obxectivo de informar ao entorno familiar e á poboación en xeral sobre a verdadeira realidade do consumo de alcol. Terán lugar o 26 de abril e o 24 de maio ás 19:30 horas na Casa da Cultura e estarán dirixidas á poboación en xeral.

Para participar nestas iniciativas é necesario estar empadroado no municipio e facer unha inscrición previa na Unidade Psicosocial do Concello de Ordes, ou chamando ao telefono 981680002 extensións 214 e 215.

O alcalde Manuel Regos quixo destacar a importancia desta iniciativa dada a grave problemática da que trata e que afecta cada vez a persoas máis xoves, e de aí o carácter preventivo e de concienciación deste programa. Ademais Regos destacou tamén que se trate “dunha iniciativa pioneira tanto no municipio como en toda a zona ao non existir ningún servizo, actividade ou programa específico dirixido á poboación con problemas de alcolismo”.

No acto de presentación do programa FARO que poñerá en marcha o Concello de Ordes estiveron tamén presentes José Ignacio Vázquez Rodríguez, psicólogo experto en adiccións que guiará o grupo psicoeducativo e impartirá as dúas sesións da Escola de Familias, e Farruco Rodríguez, representante da escola de tempo libre e animación sociocultural Don Bosco encargada de desenvolver as actividades que se organicen nas noites socioeducativas. Ambos agradeceron o interese do Concello de Ordes para con esta problemática. Este programa está financiado pola Deputación da Coruña.

Sociedade