Acusan a Alonso de condicionar aos seus empregados para que voten ao PP

Acusan a Alonso de condicionar aos seus empregados para que voten ao PP

27 de Decembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

Na tradicional festa de nadal do grupo Jealsa-Rianxeira, o seu presidente, Jesús Manuel Alonso, fixo un discurso cun marcado carácter político xa que argumentou que «economía e política van intimamente ligadas». Ao fío deste argumento, falou do gobierno municipal e anunciou que que se irá de Boiro se o bipartito formado por BNG e PSOE repite ao frente do Concello nas vindeiras eleccións municipais. Jealsa pechará este ano con 400 mil

O Consello local do BNG de Boiro diante das declaracións efectuadas polo Sr. Alonso, presidente de Jealsa-Rianxeira, recoñece que "o grupo de empresas da familia Alonso é unha peza clave para a economía e o emprego de Boiro e do noso país. Jealsa é a empresa máis importante da nosa vila -aínda que non a única- grazas á familia Alonso e a moreas de familias máis cuxos membros se esforzan cada día traballando nesa fábrica".

Para os nacionalistas "Jealsa funciona ben debido aos seus impulsores e debido tamén á forza de traballo de moitas mulleres e homes que madrugan cada día para traballar alí. Desde o Concello de Boiro sempre se apoiou e se apoiará a Jealsa-Rianxeira para que continúe coa súa actividade moitos anos, sempre, claro está, que cumpra coa legalidade, porque non se pode apoiar ao Sr. Alonso e ás súas empresas a calquera prezo"

O Bloque recorda o periodo no que o Sr. Alonso era alcalde en Boiro porque esa “suposta liberdade non existía xa que até as paredes tiñan oídos. Parece que voltan os vellos tempos". Para o BNG, "Alonso estase aproveitando da súa situación de superioridade como empresario para coaccionar aos seus traballadores a que escoiten o que el quere e a condicionalos para que tomen partido polo PP, e isto non o fai nun mitin senón no ámbito da súa empresa. A gravidade das palabras do señor Alonso non son polo que di senón por onde o di: é inevitábel que os traballadores sintan medo polo seu futuro se non fan o que se lles “aconsella”. El sábeo moi ben e aproveitase dun xeito obsceno da súa posición de superioridade"

Segundo o Bloque, "é triste ver que unha persoa que foi alcalde non respecte os principios da democracia e ameace con abandonar Boiro se os resultados dunhas eleccións libres e democráticas non lle gustan. Esas palabras só se poden entender desde unha mente moi pechada e desde a súa propia ambición persoal".

 

O BNG (5 concelleiros) ocupa na actualidade a alcaldía de Boiro cun pacto de goberno co PSdeG PSOE (4 ediles). Na oposición figuran o PP (6 concelleiros) e os Independentes con 2.

 

 

 

Institucional