Adíase a Feira do Queixo de Moeche

Adíase a Feira do Queixo de Moeche
11 de Marzo, 2020 - 01:06 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Moeche suspende a Feira do Queixo en cumprimento das recomendacións sanitarias sobre o coroavirus. A decisión obedece á recomendación de evitar a aglomeración de persoas en recintos pechados. A intención municipal é retomar o programa feiral a primeiros de outubro.

Esta mesma mañá o Concello de Moeche decidiu suspender a V Feira do Queixo que ía celebrarse este domingo 15 de marzo na Nave do Mercado de San Ramón. A medida tomouse a raíz das recomendacións sanitarias lanzadas polos gobernos estatal e autonómico de cara a reducir ao mínimo as posibilidades de contaxio do coroavirus Covid-19 e, nomeadamente, a que se refire á organización de eventos en espazos pechados onde estea prevista unha afluencia de público superior ás 1.000 persoas. O consistorio xa contactou con todos os postos inscritos e outros participantes para comunicarlles a decisión de suspender a feira, así como a sua intención de aprazala para comezos do outono -previsiblemente para o mes de outubro- mantendo o mesmo programa.

O Goberno local considera que se ben Galicia é unha das comunidades con menos contaxios confirmados, é necesario atender as medidas preventivas que recomendan adoptar tanto o Ministerio de Sanidade como o SERGAS para minimizar a propagación do virus. O Covid-19 contáxiase por vía aérea ou por contacto con persoas infectadas, razón pola que desde os primeiros casos detectados os esforzos sanitarios céntranse na contención dunha enfermidade que, ao parecer, cursa con tose, febre e problemas respiratorios. Seméllase a unha gripe e, igual ca ela, pode causar serias complicacións en persoas de idade avanzada ou que padezan outras enfermidades. Por esta razón aconséllase extremar a hixiene -lavar as mans a conciencia- e esbirrar contra o flexo do cóbado. Ademais, se se teñen síntomas, a recomendación é chamar ao 061 para que nos indique como proceder, en ningún caso acudir ao centro de saúde. Por outra banda, a Xunta tamén habilitou o teléfono gratuíto 900 400 116 para solicitar información sobre o coroavirus.

As medidas para evitar a propagación do virus vanse coñecendo aos poucos a través dos medios de comunicación e, neste sentido, desde o Concello de Moeche reclámase que a Xunta de Galicia, como administración con competencias en materia de saúde pública, se lles facilite aos municipios un protocolo de actuación para os eventos que teñan organizados e tamén para poderlle achegar información puntual á veciñanza sobre as medidas preventivas. A alcaldesa, Beatriz Bascoy, contactou a primeira hora desta mañá coa Consellaría de Sanidade para expoñerlle o caso no que se encontra Moeche, cunha feira programada para dentro de catro días, e solicitarlle directrices sobre como proceder. Desde a consellaría, tal e como informa a alcaldesa, "anunciáronnos que ao longo do día de hoxe se publicará unha resolución con varias medidas entre as que se encontra a de que se suspendan os eventos en recintos pechados onde se agarde unha afluencia de público superior ás 1.000 persoas".

Antes de que se produza o anuncio oficial, o Executivo local decidiu suspender o evento, tal e como suxeriu onte á tardiña a través das redes sociais do Concello. Ademais, ao longo da mañá estívose contactando cos máis de 40 expositores e outros participantes para comunicarlles o aprazamento da cita para dentro duns meses. Case con total seguridade, a V Feira do Queixo de Moeche quedará fixada para primeiros de outubro, aínda que haberá que agardar a máis adiante -e tamén á evolución do Covid-19- para coñecer a data concreta. Segundo Beatriz Bascoy, a decisión "non pretende crear unha alarma innecesaria, senón que responde á responsabilidade institucional que debe prevalecer nunha situación coma esta en que todas as administracións debemos funcionar de forma coordinada".

 

--

Institucional

Publica o teu comentario agora