ADEGA denuncia ao irmán de Álvarez Cascos por coacción

ADEGA denuncia ao irmán de Álvarez Cascos por coacción

31 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A organización ecoloxista ADEGA ven de denunciar a Ramón Álvarez Cascos ante o xulgado de instrución de Lugo por un posible delito de coacción e ameazas. Álvarez Cascos é representante legal da firma Acuinor e irmán do ex Ministro de Fomento durante o goberno Aznar, Francisco Álvarez Cascos.

A acusación se fundamenta nunha mensaxe de móbil enviada por Álvarez Cascos á presidenta desta asociación en Lugo, Montse Lombardía, na noite do mesmo día das eleccións autonómicas, o 1 de marzo. O sms contiña un breve “se os acabó el chollo”. Para esta institución, a mensaxe “puido pretender xerar un sentimento de medo na persoa destinataria e en ADEGA, e limitar as súas actuacións en defensa do Medio Ambiente, en concreto do LIC As catedrais, incluído na Rede Natura galega e dos hábitats e especies protexidos que alí existen”.

A receptora, Montse Lombardía, foi unha das activistas de ADEGA que foron denunciadas penalmente, e posteriormente absoltas pola Audiencia Provincial de Lugo, pola compañía Acuinor polo parón, en 2005, das obras dunha piscifactoría en Rinlo (Ribadeo) que esta empresa construía dentro da Rede Natura 2000.

ADEGA ve nesta mensaxe unha “clara intención intimidatoria” polas distintas accións da organización á empresa que representa Ramón Álvarez Cascos e as batallas xudiciais emprendidas por ámbalas dúas institucións. Estes foron os casos da desestimación da denuncia de Acuinor, no xulgado de 1ª Instancia nº4 de Compostela, a 12 membros de ADEGA por coacción; ademais dos recursos interpostos pola asociación ecoloxista contra o acordo do Consello da Xunta (na súa última reunión, co goberno de Fraga en funcións) que aprobaba o Proxecto Sectorial da piscifactoría de Rinlo e o de Touriñán; contra a resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, ocupada polo PP, que aprobaba a Declaración de Impacto Ambiental do proxecto de Acuinor, e contra o outorgamento de licenza de obras e de actividade polo concello de Ribadeo.

Segundo esta asociación de defensa do medio ambiente, o sms “tamén pode dar a entender que logo da vitoria electoral e da volta ao goberno da Xunta do PP, comeza unha nova era na que Acuinor presuntamente gozaría de vantaxes administrativas e xudiciais na súa batalla contra ADEGA, e que a nosa organización vaia ser deostada polo Executivo Popular”.

Sociedade