ADEGA denuncia vertidos no Río Magdalena

ADEGA denuncia vertidos no Río Magdalena

04 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Asociación Ecoloxista ADEGA, a través do vilalbés José Manuel Rodríguez Fernández, denunciou os vertidos que está a sufrir o Río Magdalena procedentes da depuradora municipal de augas fecais e instou ao Concello de Vilalba e á Confederación Hidrográfica Miño-Sil a tomar as medidas necesarias para evitar a súa contaminación.

Segundo Rodríguez, esta instalación vilalbesa non ten a capacidade de poder filtrar correctamente as augas fecais das pluviais antes de que entren no recinto, polo que, sempre que o volume de auga aumenta anormalmente, como consecuencia dun incremento das choivas, por exemplo, ten que verter directamente e sen tratar ao caudal do Magdalena.

 

Cando isto se converte nunha realidade, o río énchese de desperdicios e de lixo, ademais do escurecemento da cor da auga e de desprender un olor nauseabundo. Durante o mes pasado, mais de catro veces se encheron os lechos do río con restos de plásticos, pañais, compresas e outros materiais.

Desde a organización ecoloxista pídese ás institucións local e hidrográfica que actúen para resolver o problema, que podería pasar por construír un pozo de tormentas que poida absorber este exceso de auga, como indica a Asociación de Pescadores Vilalbeses, ou ben unha medida mais custosa que sería a ampliación da depuradora para que puidese separar as augas fecais das pluviais.

Pola súa banda, o alcalde de Vilaba, Gerardo Criado, manifestou coñecer o problema, e dixo que había “mais de catro anos que o Concello ten presentada a cuestión en Augas de Galicia e na Confederación Hidrográfica do Norte, que son os que teñen competencias nos cauces dos ríos”. Segundo o edil popular, “os técnicos destas dúas institucións chegaron á conclusión de que había que construír un pozo de tormentas, que non é mais que unha balsa de mais ou menos metros cúbicos de capacidade, para solucionar parte do tema, aínda que non sería a definitiva”.

En canto a incrementar as capacidades da depuradora para proceder á separación das augas fecais e pluviais, indicou que “é unha obra que sen a axuda doutras institucións, como poden ser a Xunta de Galicia ou o Ministerio de Medio Ambiente, non se pode acometer, porque o volume de esa obra, que son moitos millóns de euros, non se pode facer só desde o Concello”.

Sociedade