ADEGA Lugo convidará aos cidadáns da Mariña a participar nun referendo simbólico sobre o litoral

ADEGA Lugo convidará aos cidadáns da Mariña a participar nun referendo simbólico sobre o litoral

23 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Adega Lugo e Adega A Mariña celebrarán, este domingo 26 de abril, o Día da Terra reivindicando a defensa do litoral galego en xeral e do lugués en particular, fronte a proxectos urbanísticos, infraestruturais ou enerxéticos que prexudiquen os valores ambientais, produtivos e económicos destas zonas.

Con este acto, Adega busca chamar a atención sobre as ameazas ás que segue sometida a costa lucense. Estes son os casos das macropiscifactorías, as megaurbanizacións ou as construcións ilegais, pero tamén as que xorden agora como os parques eólicos mariños, tras coñecer recentemente que o Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño vén de permitir a colocación deste tipo de instalacións na franxa litoral entre Burela e Foz.

O acto terá lugar entre as 12 e as 14 horas do domingo no parque municipal do Concello de Ribadeo. Alí, os membros de Adega e os viandantes colocarán nun grande panel fotografías ou ilustracións de litoral “magoado” e destruído pola acción humana e, por outra banda, de costa sostible, protexida ou cumpridora coas esixencias das leis ambientais, urbanísticas ou patrimoniais. Ao mesmo tempo, Adega convidará aos viandantes a elixir unha destas dúas opcións para o futuro da costa galega, depositando nunha furna un “voto verde” (costa protexida) ou un “voto vermello” (costa urbanizada), no que ademais deben de expoñer o motivo da súa elección. A través deste mini-referéndum simbólico, búscase a participación e a expresión da vontade dos cidadáns da Mariña luguesa sobre o futuro do seu litoral

Nese mesmo lugar, haberá unha mesa onde Adega exporá o seu material didáctico e en relación á conservación e protección do medio ambiente. Tamén intentará conseguir apoios para o tren de proximidade entre Lugo e A Mariña a través da recollida de sinaturas.

Sociedade