Adeus a Álvarez Areces

O expresidente de Asturias coñecía ben a comarca de Ferrol onde traballou como profesor
17 de Xaneiro, 2019 - 09:20 h. | Publicada por Radio Fene

Vicente Álvarez Areces traballou no colexio Luís Vives de Pontedeume entre o ano 1969 e 1971. Estivo en Fene en 1996 na homenaxe ao músico e latinista, Francisco Vizoso, afincado durante moitos anos en Gijón, terra natal do senador socialista.

ESCOITA O PODCAST:

Vicente Álvarez Areces faleceu hoxe aos 75 anos en Gijón, de maneira repentina. O expresidente del Principado de Asturias, sintiuse indisposto esta madrugada no seu domicilio. Vicente Álvarez Areces (Gijón, 1943) iniciou a súa dilatada traxectoria política na década dos oitenta como director provincial de Educación para ser despois alcalde de Gijón durante doce anos e Presidente de Asturias en tres lexislaturas consecutivas, entre os anos 1999 e 2011. Actualmente era senador polo PSOE. Vicente Alvarez Areces, tivo a súa breve relación con Fene cando participou en Maniños na homenaxe que a sociedade O Pote rendeu en 1996 a Don Francisco Vizoso, músico e latinista que exerceu unha marcada influencia nas xeneracións de alumnos que pasaron polo Instituto Jovellanos de Gijón entre 1954 e 1989. Naquel momento Álvarez Areces era alcalde de Xixón. Na súa intervención no Pote falou da súa relación coa comarca de Ferrol e da súa experiencia como profesor no colexio Luís Vives entre o ano 1969 e 1971. Afirmou que "é unha comarca á que quero". Estivo naquela homenaxe porque Asturias debíalle ao profesor de Maniños, Francisco Vizoso o inxente labor musical que fixo nesa terra, colaborando como frautista en varios grupos de cámara, creando a Aula de Música no Instituto Jovellanos e pola crítica musical e analítica realizada no diario El Comercio entre 1963 e 1988. En 1992 o Consello de Goberno do Principado concedeulle a medalla de Asturias na categoría de prata. Así que catro anos despois Vicente Álvarez Areces acompañouno na homenaxe que recibiu na súa parroquia.

Institucional

Publica o teu comentario agora