Admitida a trámite a denuncia contra a ampliación de Alvedro

Admitida a trámite a denuncia contra a ampliación de Alvedro

16 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

A Fiscalía de Medio Ambiente de Galicia admitiu a trámite a denuncia presentada pola organización ecoloxista Adega, a Asociación Veciñal O Noso Burgo e a Confraría de Pescadores da Coruña contra a ampliación da pista do Aeroporto de Alvedro, segundo informaron, en rolda de prensa, os seus responsables.

Estes colectivos basean a súa denuncia na repercusión que, na súa opinión, terá a ampliación sobre o patrimonio cultural do Concello de Culleredo (A Coruña) e, en concreto, sobre edificios considerados como Ben de Interese Cultural (BIC), "sobre os que non está nada claro a súa recolocación", sinalou o presidente de Adega na comarca da Coruña, Angel Amancio Sotillo.

Así mesmo, cuestionan o proxecto desde o punto de vista ambiental, entre outros aspectos polo movemento de cinco millóns de metros cúbicos de terra previsto ou pola intención de executar as obras en 2 anos, con traballo as 24 horas do día coas molestias que iso implicará para a cidadanía", engadiu o representante de Adega.

Na súa denuncia, advirten tamén das repercusións que, ao seu xuízo, terá esta actuación na Ría do Burgo e, respecto diso, inciden en que "o propio estudo de impacto ambiental tamén o recoñece", apuntou Sotillo.

Os asinantes da denuncia consideraron que será "complicado" que se paralice o proxecto de ampliación do aeródromo coruñés, pero incidiron en que a súa intención é que se investigue "se a Administración cumpre co que se esixe a todos", engadiu o presidente comarcal de Adega en relación aos requisitos legais, á vez que atribuíu a un "capricho político" a ampliación do aeroporto e rexeitou os argumentos económicos e sociais para executar esta actuación.

Sociedade