AETNA limpará os rios Cádavo e Baa en Fene

AETNA limpará os rios Cádavo e Baa en Fene

28 de Setembro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O río Baa e o río Cádavo someteránse este domingo dia 2 a unha limpeza simultánea por parte de AETNA. Participarán na actividade  máis de 30 veciños e veciñas de Fene. A asociación etnográfica con sede en Maniños,  participa no proxecto Ríos que leva a cabo a limpeza de moitas canles fluviais de Galiza. Colaboran na iniciativa, ADEGA e o Concello de Fene.

  Aetna chama á colaboración neses labores que empezarán o domingo ás 10 da mañá. A actuación no río Cádavo empezará á altura da casa do concello e rematará na estrada da Palma. A do río Baa consistirá na limpeza de parte dos cursos baixo e medio , dende Souto Vello a Boado. O presidente de Aetna, Juan José Cabana afirmaba que este ano collen co cariño este labor porque hai colaboración municipal. Empezarase nos dous casos ás 10 e rematarase entorno á 1,30 da tarde.

Despois da limpeza dos ríos, o luns dia 3, Aetna ponse en marcha coa campaña das setas. Saídas a Monfero, A Capelada, Forgoselo,  Muras e Momán programaranse o luns nunha xuntanza no local de Aetna en Maniños. Socios, alumnos dos centros escolares e afeccionados aos cogumelos en xeral, están convocados a esta xuntanza para programar a campaña do outono. As saídas para recoller as setas faránse os venres á tarde e os sabados á mañán.

Outra iniciativa da Asociación etnográfica é a excursión ao Grove o domingo 9 de outubro para asistir á Feira do Marisco e pola tarde unha excursión a Combarro. O autobús sairá ás 9,30 da mañá dende Maniños. Está aberto o prazo para apuntarse.

Sociedade