Aforrando enerxía, agasallámonos polo nadal

Aforrando enerxía, agasallámonos polo nadal

22 de Decembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

Dende a Concellería de Medio Ambiente do Concello de Ordes elaboráronse uns dípticos informativos nos que se recollen unha serie de consellos para que se reduza o consumo de enerxía e para que entre todos teñamos un nadal máis sutentable e solidario, tendo en conta que no Nadal aumenta o noso consumo de enerxía.

Esta iniciativa enmárcase dentro do programa "Por un Nadal máis Verde" no que, entre outras iniciativas, se levará a cabo o reparto destes folletos entre tódolos nenos da nosa vila. Neste reparto colaborarán os CEIP Castelao, Campomaior e Mesón do Vento, centros de ensino de Ordes, que serán os encargados de entregar a cada un dos nenos os folletos para que tódolos fogares dispoñan da información necesaria de cómo contribuír a esta iniciativa.

A aplicación de medidas de aforro e uso eficiente da enerxía eléctrica no fogar podería supoñer un aforro de ata un 35% na nosa factura eléctrica mantendo un nivel de comodidade equivalente ó que temos agora. A mensaxe que a Concellería de Medio Ambiente pretende facer chegar a tódolos fogares é a de que facendo un uso racional da enerxía conséguese un beneficio económico á vez que se colabora na protección ambiental.

Segundo palabras do concelleiro de Medio Ambiente, Jesús Pedreira, "as festas navideñas non teñen por qué ser sinónimo de despilfarro. Asumir unha serie de pautas de consumo ecolóxicas non só permitirá reducir o noso impacto no medio ambiente, senón que tamén se traducirá nun importante aforro para o noso peto".

Sociedade