AGE e BNG láianse pola morte de Hugo Chávez

AGE e BNG láianse pola morte de Hugo Chávez

06 de Marzo, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Alternativa Galega de Esquerda lamenta a morte de Hugo Chávez e agarda que o seu proxecto político a prol dos condenados da terra continúe. Afirman dende Alternativa Galega que os gobernos bolivarianos de Venezuela contribuíron de xeito determinante ao xiro progresista de Latinoamérica. O BNG tamén lamenta a morte do presidente de Venezuela e destaca o seu perfil anti imperialista e de defensa da soberanía do seu país

Comunicado de AGE diante da morte de Hugo Chávez.

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) dóese da morte de Hugo Chávez, o presidente da República Bolivariana de Venezuela. Os sucesivos gobernos de Hugo Chávez melloraron os estándares de vida das multitudes venezolanas, combateron a pobreza e o analfabetismo con éxitos recoñecidos polos organismos internacionais, debuxaron unha axenda política oposta á do capitalismo neoliberal e puxeron en marcha mecanismos e mesmo deseños institucionais para emancipar os pobos latinoamericanos do xugo imperialista. Colocaron os condenados da terra no centro das súas preocupacións. Engade a forza nacionalista que  a influencia do proxecto bolivariano liderado por Hugo Chávez, máis alá de matices ou críticas puntuais, contribuíu de xeito determinante ao xiro progresista que o subcontinente latinoamericano efectuou na última década.

Para Alternativa Galega de Esquerda, a perda de Hugo Chávez non pode escurecer a necesidade de que o proxecto político que encabezou durante os últimos catorce anos continúe. A consolidación da Revolución Boliviariana -é dicir, que os esquecidos pasen ao primeiro plano da historia- é un labor que vai moito máis alá do seu iniciador e apóiase nun poderoso e complexo movemento social, o verdadeiro motor do proceso venezolano. Por iso, AGE agarda que o traxecto estratéxico cara o socialismo do século XXI non se deteña e que a nova dirección revolucionaria atine no seu cometido.   

Comunicado do BNG diante da morte de Hugo Chávez.

O portavoz nacional do BNG, Guillermo Vázquez, lamentou hoxe o falecemento do Presidente do Goberno de Venezuela, Hugo Chávez, e transmitiu as condolencias do BNG aos seus familiares e ao pobo de Venezuela. Afirmou que “Hugo Chávez foi unha figura política moi importante en Venezuela e en América Latina. Caracterizouse pola súa posición anti imperialista e pola defensa da soberanía do seu país”. O portavoz nacional do BNG destacou que “Chávez se atreveu a enfrontarse ao imperialismo, é unha figura que terá impronta histórica e deixou unha fonda pegada en América Latina. Logrou unha alianza con varios países da área para facer fronte ao imperialismo”.

Tamén puxo de manifesto a súa defensa da soberanía nacional do seu país, propiciou a mellora da calidade de vida de amplas capas sociais probes, potenciou o reparto da riqueza, con especial atención ás maiorías sociais máis desfavorecidas e atendeu ao seu pobo”.  Guillerme Vázquez remata desexando “fortaleza e firmeza ao pobo venezolano para continuar aprofundando o roteiro iniciado por Chávez e non esquecer a súa aportación a Venezuela e a América Latina”.

Sociedade