Agosto tamén é un lugar

Agosto tamén é un lugar
28 de Maio, 2020 - 12:36 h. | Publicada por Radio Fene

"Agosto" de Miriam Ferradáns, é unha obra na que a memoria o vertebra todo. A contención é o seu selo personal á hora de escribila.

ESCOITA O PODCAST:

“A miña amiga estivo oito días nun conxelador. Matouna un coche vermello que fuxía da policía, na Arousa. Era verán, por agosto…”

É este un fragmento do poemario “Agosto” de Miriam Ferradáns, editado como unha plaquette- publicación de pequeño tamaño- en 2019. “A memoria vertebra todo o traballo. Hai un salto de memoria, como un túnel do tempo” afirma a autora de “Agosto” quen engade, “ non sei escribir sobre o presente. Estou cómoda no pasado”.

En relación co envoltorio formal de “Agosto” explica Ferradáns que se non fose unha plaquette, non tería sido, para significar que aí está todo o que quería contar. “É un exercicio de contención, de puído” quizás máis difícil que facer un libro. E conclúe a autora que a contención é nela “unha marca de personalidade”. Sobre o de dentro, o contido de “Agosto” explica Miriam que agosto para ela non é só un tempo, senón tamén un lugar. Cando lle preguntamos, cómo nos salvamos da perda? Ferradáns tenno claro, “entregándonos a ela, dialogando con ela”.

Son as palabras de Miriam Ferradáns no Club de lectura de RadioFene- Radiofusión desta semana. Someteuse  ao interrogatorio de Esther Val, Andrés C.M Riveira e Henrique Sanfiz.

Cultura

Publica o teu comentario agora