Agradecemento da biblioteca escolar Paula Carballeira

Agradecemento da biblioteca escolar Paula Carballeira

09 de Xuño, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Adoitamos loubar virtudes e bondades das persoas dende o mesmo intre no que deixan de estar con nós. Agora que os risos provocados por Paula Carballeira aínda quedan  flotando no ar da nosa- agora tamén súa- biblioteca coma pantasmiñas brincadeiras, non quero deixar pasar a oportunidade de facer un agradecemento “en vida” a dúas personas, dúas mulleres, sen as que o soño de millorar, de facer medrar, de reconducir, mesmo de crear t

Todo este proxecto do PLAMBE (que non Plan B) ten dúas protagonistas non sei se principais, pero si esenciais, que traballan “na sombra” para que nós, responsabeis das bibliotecas escolares galegas levemos adiante unha idea de biblioteca diferente.

Non cumplen as nosas bibliotecas o mesmo papel ca unha biblioteca municipal. Teñen tamén ese factor de préstamo, de lugar onde ler en silenzo, onde traballar con todos os medios ao noso dispor, onde animar á lectura con xogos, contacontos, mochilas, apadriñamentos e amadriñamentos, actividades máis ou menos lúdicas. Pero teñen unha encomenda máis profunda, menos vistosa cecais : a da formación, preparar ao noso alumnado para buscar, manexar, re-elaborar a información cunha visión crítica da mesma. Aprender a aprender nunha sociedade en continua e velocísima transformación, onde a brecha dixital abre un novo campo para as oportunidades,a relación e a formación; pero tamén para a desigualdade. Unha biblioteca actual e solidaria. Responsábel. Unha biblioteca para formar e informar aos cidadáns e cidadás de mañán mesmo. E, por suposto, unha biblioteca máxica onde mesturar fantasía con coñecemento, imaxinación e creatividade con rigor e realidade, un caldo co que alimentar as mentes máis marabillosas das que dispoñemos :as do noso alumnado.

Esta idea de Biblioteca foi sementada xa hai moitos anos e foi medrando cos mesmos en bibliotecas de escolas, colexios, institutos. E houbo quenes empeñaron esforzo e tempo en sacala adiante, facela medrar, extendela. Coma as fadas que xa non hai nos contos cando sopran sobre os vilanos dos dentes de león.

Sen variña máxica  e si con traballo e convencemento, estas dúas mulleres, manteñen este proxecto, procurándonos a responsábeis de máis de trescentos  centros de ensino do país, non só medios económicos, tamén unha formación de grande calidade, encontros onde compartir experiencias e saberes, asesoramento e apoio. Apoio profesional e humano cando, tantas veces, estamos a piques de dar tantas batallas por perdidas fronte a unha administración que ningunea. Dende as bambalinas tantas veces, dende a discreción e o traballo que non se ve, probablemente o máis ingrato neste mundo das bibliotecas escolares, o de convencer a uns altos cargos, tantas veces descreídos, da necesidade deste PLAMBE.

Coma agora a nosa biblioteca, estas mulleres teñen nome propio, un nome que a maior parte das nosas comunidades educativas descoñece e que debería figurar en letras capitais nos foros do ensino e da renovación pedagóxica: Cristina Novoa e Pilar Sampedro, asesoras das Bibliotecas Escolares Galegas.

E a elas quero agradecer a realidade da nosa biblioteca, a posibilidade dunha bibliotecaria felina, Mica Bigotes, a percorrer silandeira os andeis e corredores do noso centro escolar.

A elas quero agradecer o seu esforzo en tentar manter este proxecto contra vento e marea, contra o cansanzo e-tantas veces- a incomprensión, agora que a nosa administración pretende recortar gastos desmembrando o ensino público, que non o concertado, en detrimento da calidade do ensino.

Porque non é hoxe fácil atopar unha grande profesionalidade, unha entrega  sen medida á defensa dun proxecto no que se cre, e unha aínda maior calidade humana nunha mesma persoa, e nós, responsábeis das bibliotecas escolares galegas, temos a sorte e o orgullo de contar con dous, grazas Pilar, grazas Cristina ou grazas Cristina, grazas Pilar, dende a Biblioteca Escolar Paula Carballeira.

Maribel Serantes, responsable da Biblioteca Escolar Paula Carballeira
(C.E.I.P. Os Casais)

Cultura