Ainhoa González: “A biblioteca debe convertirse nun organismo vivo”

Ainhoa González: “A biblioteca debe convertirse nun organismo vivo”

03 de Xullo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A novidosa planta circular da Biblioteca Municipal de Narón chama a atención dos visitantes. Unhas modernas instalacións que agochan máis de 50 mil volumes, espallados nos seus tres andares culminados por unha gran e circular cúpula. A forma esférica do edificio non axuda a súa funcionalidade. Segundo a bibliotecaria, Ainhoa González Rodríguez, impide a posibilidade de extensión, a redistribución interior e o peche de espazos. Adem

A baza máis importante da biblioteca é a atención personalizada que temos cos usuarios, gábase a bibliotecaria. “Coñecemos ben as as súas preferencias e eles agradecen este trato”. Nos 1200 metros cadrados acóllense perto de 52 mil volumes, un 30% de infantil e o resto libros para adultos. Narrativa, poesía, teatro, biografías, cómics e unha sección local con libros de autores naroneses, obras editadas en Narón e outros que falan do concello. O fondo local cómponse dunhas 50 publicacións que contan con moi boa aceptación entre os lectores.

A biblioteca naronesa realiza ao longo do ano unha extensa programación de actividades: visitas guiadas de escolares, contacontos…Co gallo da morte do autor portugués, José Saramago, levouse a cabo unha exposición arredor da figura do poeta luso. Agora están a piques de abrir unha mostra arredor do xacobeo e a vindeira semana inician un obradoiro de contacontos para adultos, dirixido a mestres, bibliotecarios, orientadores, docentes e incluso nais que queiran aprender estas prácticas. “ A biblioteca é un organismo vivo, inmerso totalmente na sociedade. Neste senso, a xente confunde a biblioteca cunha sala de estudo e queremos mudar esa imaxe que percibe a xente”, explica Ainhoa González. Para iso habilitarán 4 espazos de estudo para dar facilidades a todos os usuarios. 

Descoñécese o número exacto de usuarios activos pero son centos de persoas as que acuden diariamente á biblioteca. Só teñen contabilizados, os que recurren ao uso do préstamo de libros, unha media de mil persoas ao ano. Dispón de 30 ordenadores de acceso público con acceso a internet, dous deles adaptados a persoas con baixa visión. Máis facilidades imposible.

Sociedade