Alberte Pagán consegue o premio de mellor documental galego no Play Doc de Tui, ao que asistiron este ano máis de 7.000 persoas

Alberte Pagán consegue o premio de mellor documental galego no Play Doc de Tui, ao que asistiron este ano máis de 7.000 persoas

22 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

A sexta edición do Festival Internacional de Documentais Play-Doc clausurábase o domingo tras ter acollido a máis de 7.000 espectadores, o que confirma a consolidacion do certame. Os realizadores premiados foron Jay Rosenblatt, en curtametraxes, Ilisa Barbash en longametraxes e Alberte Pagán en Documental Galego.

A acto de clausura foi introducido pola banda de jazz 2us, que presentou a Sara García e Ángel Sánchez, directores do festival, para que leran a decisión do xurado. García quixo lembrar que “todos os filmes son gañadores” para a organización.

O primeiro premio, o de Documental Galego, recaeu en Tanyaradzwa, de Alberte Pagán, que xa gañara hai dous anos con BS.AS. “É a segunda vez que me premian, pero a primeira que estou aquí”, dixo ao recoller o galardón das mans de Moisés Rodríguez, concelleiro de Cultura de Tui, explicando que a súa ausencia se debeu precisamente a que as datas coincidiran coa rodaxe do filme seleccionado nesta edición.

Despois tocoulle a Carmen Pardo, Secretaria Xeral de Turismo, darlle o premio de Mellor Curtametraxe a Jay Rosenblatt, por The Darkness of Day. O norteamericano dixo que “todos os filmes da sección son moi bos” e agradeceu ao xurado “unha decisión difícil”.

Finalmente, Ilisa Barbash recolleu o premio de Mellor Longametraxe por Sweetgrass de mans do alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha. A película co-dirixida xunto co seu marido, Lucien Castaing-Taylor, obtivo o galardón ex aequo con Sanya e Pardal, de Andrey Gryazev.Barbash dixo sentir “boas vibracións” dende que puxo o pé en Tui, pois Play-Doc “é un festival tan profesional como íntimo, no que hai a rara oportunidade de convivir cos outros realizadores”, comentou.

Cultura