Alexandre Bóveda, Castelao e Portela Valladares

Alexandre Bóveda, Castelao e Portela Valladares

16 de Agosto, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

O 17 de agosto cúmprese o cabodano do fusilamento do dirixente do Partido Galeguista Alexandre Bóveda. A Fundación que leva o seu nome organiza diferentes actos en Pontevedra e reclama o recoñecemento oficial do Dia da Galicia Mártir.

As relacións de Bóveda con Castelao e Portela Valladares

Manuel Portela Valladares sentía por Castelao "devoción extraordinaria" en palabras do historiador José Antonio Durán. A correspondencia cruzada entre os dous políticos ente 1937 e 1946 dan fe dunha sintonía que lles fai aparcar as diferencias. Portela Valladares confesa o 26 de maio de 1937 desde o Hotel Vernet de París que leu unha alocución do dirixente galeguista e confesa ter chorado de emoción, á vista das estampas da guerra: os albumes Atila en Galicia e Galicia mártir. Lembrase dos amigos mortos, empezando por Alexandre Bóveda, e impulsa a Castelao a lograr nas Cortes de Valencia a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia. Máis adiante Castelao propoñerá a Portela como ministro en representación do galeguismo no Goberno da República no exilio, presidido por Giral.

Como exemplo da complicidade entre os galeguistas e Portela, traemos a colación a cita de Castelao no Sempre en Galiza, aludindo a unha conversa tras lograr que as Cortes da República en Monserrat tramitaran o Estatuto de Autonomía de Galicia:

"O vello Don Manuel Portela Valladares pasou á miña veira, olloume con malicia e díxome con agarimo: Saiulle ben a xogada,eh?. Eu respondinlle con cara de risa: Non fun eu, foi Montero Ríos. Alí ninguén sabía a verdade máis que Emilio González López. Ninguén soubo adiviñala máis que Portela Valladares".

Pero a relación entre Portela, Bóveda e Castelao ven xa de moito antes. Segundo o historiador José Antonio Durán, "a alianza de Portela cos nacionalistas galegos, establecida nos cimentos de amizades persoais e lealtades políticas de moitos anos". O periódico de Portela, El Pueblo Gallego abrirá as súas páxinas ás opinións dos galeguistas, chegando a convertirse na práctica no seu voceiro oficioso. Ademais o deputado por Fonsagrada, cando o nomean xefe do goberno (a finais de 1935) restituie a Galicia e aos seus postos a Bóveda e a Castelao, desterrados ata entón en Extremadura.

Sociedade