Alexandre Caínzos: “As bibliotecas diferenciánse polo seu fondo local”

Alexandre Caínzos: “As bibliotecas diferenciánse polo seu fondo local”

26 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

En pleno casco histórico de Pontedeume atópase o Edificio da Cátedra de Latinidade. Unha construcción do século XVI doado ao concello pola familia Anido para que se convertera nunha escola adicada ao estudo. Alí, cursou estudos, entroutros persoeiros, o Arcebispo Raxoy. No século XIX pasou a ser escola de gramática e incluso foi cuartel da Garda Civil. Desde hai algo máis de trinta anos este fermoso edificio, un dos máis antigos do concel

A Biblioteca Municipal de Pontedeume caracterízase polo seu traballo a prol da investigación e difusión do fondo e arquivos locais. Segundo o seu responsable desde hai 21 anos, Alexandre Caínzos, “privilexiamos o fondo local porque é o que nos diferenza unha biblioteca doutra”. Para iso, traballan na recompilación de fotografías e álbumes familiares da comarca eumesa ou na escolma de carteis de todos os actos e celebracións que acontecen na vila. “Sempre quixen que o fondo local da bibloteca xunto ao do arquivo municipal transcendera a fóra. Que quede constancia para as vindeiras xeracións das festas, cantigas, costumes, romarías…Isto é o que fai que unha institución sexa grande, que non se perda o noso patrimonio” destaca Caínzos. A peza máis antiga deste fondo local é prensa de finais do século XIX que se microfilmou e dixitalizou.

Como noutras bibliotecas municipais levan a cabo presentacións de libros, actos o Día das Letras Galegas e o Día do Libro, animación á lectura pero todo cunha continuidade desde hai 25 anos. Dentro das actividades permanentes levan a cabo un excursión cultural de fin de curso entre un grupo de socios para coñecer a contorna da comarca. Ademais contan, desde hai 20 anos cunha biblioteca itinerante para achegar ás asociacións veciñais das zonas rurais do concello entre mil e mil cincocentos volumes. Outra iniciativa desenvólvenna nas escolas unitarias que aínda funcionan. Aportáronlles libros que antes rotaban entre elas e que agora son doazóns permanentes.

Pontedeume conta cun censo de 8700 habitantes dos que 6.100 persoas son socios da biblioteca. Unha porcentaxe moi alta que se reflicte na media diaria de persoas, entre 60 e 65 que visitan as súas instalacións. Os seus dous andares agochan entre 25 e 26 mil volumes aínda que rexistrados e catalogados só hai arredor de 20 mil libros. Dixitalizados hai sobre 7500 títulos pero ao proceder dunha biblioteca antiga existen uns 9 mil volumes que non se poderán dixitalizar.

O espazo divídese nunha sala infantil e xuvenil, unha de publicacións periódicas, unha zona de adultos e unha sala de dixitalización de fondos con 4 ordenadores. Asemade contan cun depósito de cadáveres de libros, unha sala pequena onde se atopan publicacións en mal estado e que, coas obras de acondicionamento que se realizan actualmente no edificio, converterase nun espazo de usos múltiples.

Sociedade