Alfonso Eiroa: "Cada vaca pace nunha superficie equivalente a dous campos de fútbol"

Alfonso Eiroa: "Cada vaca pace nunha superficie equivalente a dous campos de fútbol"
13 de Marzo, 2019 - 06:47 h. | Publicada por Radio Fene

"Cada vaca pace nunha superficie equivalente a dous campos de fútbol" afirma con fachenda o director comercial de Lácteos de Moeche Alfonso Eiroa. Fala así do leite utilizado para producir o queixo ecolóxico madurado de Moeche, elaborado desde comezos deste ano pero que atopa unha excelente acollida no mercado. A empresa -na que traballan quince persoas- participará este domingo na Feira do Queixo que se celebra na localidade. 

ESCOITA O PODCAST:
Lácteos de Moeche factura case dous millóns e medio de euros ao ano

-Cantos litros de leite recolle diariamente Lácteos de Moeche?

Actualmente recollemos uns 15.000 litros diarios. Fornecémonos de gandeiros que levan connosco desde que se fundou a fábrica no ano 1957, empezaron os seus pais e agora continúan os seus fillos. Para Lácteos de Moeche, o máis importante é a calidade da nosa materia prima, coidamos aos nosos gandeiros, axudámolos e asesorámoslles para obter leite de primeira calidade. En momentos puntuais, coa
finalidade de atender as necesidades dos nosos consumidores, adquirimos materia prima galega a outros operadores.

Como é o proceso de fabricación dun queixo?

O noso camión cisterna percorre as nosas granxas diariamente recollendo o leite. Esta descárgase aos depósitos da fábrica, aquí arrefríase a 4º C. para fabricala ao día seguinte. A fabricación empeza co proceso de pasteurización do leite, pasando posteriormente ás cubas de fabricación onde se engade o callo. Aquí fórmase a pasta do queixo, é dicir, sepárase o soro do leite. Despois de 3 horas que dura
este proceso, por medio da enchedoira automática pasa a pasta aos moldes. Colócase na prensa onde permanece 24 horas até o proceso de salgado en salmuera. Aquí xa temos o queixo preparado para o proceso de maduración en cámara onde permanece de 7 a 15 días segundo o tipo de queixo.

Que tipo de queixos producides?

Todos os nosos queixos fabrícanse con leite galego pasteurizado de vaca, sendo noso principal produto o Queixo madurado Moeche. É o tradicional da nosa fábrica, moi tenro e saboroso, número ún en vendas en Ferrol e Ourense, pódese atopar na maioría dos supermercados de Galicia. Tamén comercializamos Queixo galego Moeche, o típico brando e cremoso de Galicia, Queixo Nabiza, aínda máis cremoso; Queixo Barra Moeche, de textura agradable elaborado con leite pasteurizado puro de vaca. Utilizar este tipo de leite achega ao queixo un sabor especial e esta diferenza apréciase de maneira moi notable cando o tomamos en bocadillos quentes, hamburguesas ou simplemente se o degustamos a temperatura ambiente, é dicir, deixándoo fora da neveira 1 hora aproximadamente. A maioría do queixo en lonchas que consumimos nas nosas casas non se fabrica con leite puro co que dá igual que o tomes frío da neveira ou a temperatura ambiente, teñen menos sabor porque desnatan o leite. Tamén temos queixo afumado con madeira de bidueiro que está a ter moito éxito. E desde principios de ano, fabricamos queixo 100 % ecolóxico. Recollemos leite dunha granxa de aquí perto. Esta gandaría está certificada polo CRAEGA, o organismo oficial de Galicia de produtos ecolóxicos. As vacas teñen unha calidade de vida como hai anos pero incorporándolle as garantías sanitarias de hoxencia. Dispoñen de total liberdade no campo polo día e de noite descansan en cortellos abertos e con camas naturais de palla. Pódese dicir que cada animal dispón de unha hectárea, caseque dous campos de fútbol para pacer. Os pastos abónanse co propio esterco das vacas, sen utilización de abonos químicos. Con isto conseguimos que a alimentación do gando sexa natural 100 %. Os produtos ecolóxicos que temos actualmente son queixo en lonchas e queixo madurado en formato de 425 gramos.

Canta xente traballa nestes momentos en Lacteos de Moeche?

Actualmente somos 15 persoas. A maioría levan aquí moitos anos, por exemplo, a encargada de fabricación, Virtudes, leva na fábrica 35 anos. Grazas á gran implicación e dedicación de todos nós , é posible gozar, cada día, dos nosos produtos.

Canto facturachedes ou ano pasado?

Ou ano pasado facturamos preto de 2 millóns e medio de euros, esperamos este ano lograr a mesma cifra ou se é posible aumentala.

Ademais de ofrecelo en Galicia, exportades o queixo?

Na actualidade, dispomos de colaboradores que venden queixos de Moeche coas súas marcas en Madrid, Barcelona e New York (EE.UU.)

Pensas que ou sector lácteo ten futuro en Galicia?

Somos optimistas, cremos que a recuperación vista nos últimos anos terá continuidade. Temos que seguir aproveitando as condicións óptimas da nosa terra para a elaboración de produtos con identidade propia e elevada calidade que sobresaian no mercado europeo.

Sociedade

Publica o teu comentario agora