Alfonso Freire: “A importancia das redes sociais no mundo en que vivimos é máxima”

Alfonso Freire: “A importancia das redes sociais no mundo en que vivimos é máxima”

25 de Febreiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por

Este sábado día 26 de febreiro terá lugar en Santiago “Compostweets”, o I Encontro Anual de Social Media en Galicia que nace coa intención d facilitar o intercambio de experiencias entre profesionais do sector da web 2.0. Alfonso Freire é o director da axencia de publicidade “Lúdica7” e o coordinador deste Encontro.

“Está sendo máis que sorprendente e máis que aceptable” afirma Freire en relación á acollida que tivo o Encontro. Apunta que, por mor do interese que espertou, tiveron que programar o encontro nun espazo que acollera a máis participantes, concretamente o Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago, no que se darán cita máis de 270 persoas inscritas. A clase maxistral a cargo do recoñecido experto na web 2.0, Rubén Bastón, e as mesas redondas sobre Twitter e a adaptación dos medios de comunicación e das institucións ás novas redes sociais, serán segundo Freire, “os tres puntos fundamentais” de Compostweets.

Nesta primeira edición, o Encontro conta co patrocinio institucional da Cidade da Cultura e o apoio de Turgalicia e da Secretaria Xeral para o Turismo. O responsable de “Compostweets” asegura que, malia que “é moi difícil nestes tempos que se aborden uns patrocinios ao 100%”,  “Compostweets” terá continuidade os vindeiros anos e servirá para “desvirtualizar” aos profesionais do sector.

Resalta a grande importancia que teñen as redes sociais na actualidade, pero é consciente de que “hai xente que non as manexa con idoneidade”. Non se mostra a favor da súa regulación nin da intervención dos gobernos, pero recoñece que  son necesarias “certas vixianzas ao redor de certos contidos que se establecen en internet”. Apunta que “as grandes redes sociais xeralistas queren manterse no tempo”, pero que ninguén sabe que pode ocorrer co paso do tempo.

Sociedade