Alumnos e alumnas de Carril no roteiro do río Mercurín

Alumnos e alumnas de Carril no roteiro do río Mercurín

04 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O alcalde de Ordes, Manuel Regos, recibía esta mañá na Casa do Concello a máis de medio centenar de alumnos e alumnas de 4º da ESO do IES Nº1 de Ordes e o IES “Miguel Ángel González Estévez” de Carril (Vilagarcía). Unha recepción que se enmarcou dentro dunha xornada de intercambio entre os dous centros escolares.

Regos, durante a recepción, entregou aos escolares visitantes un agasallo con información sobre o Concello, así como lles deu a benvida ao municipio e explicou: “Espero que vos guste, e que así poidades coñecer un municipio cunhas características diferentes ao voso que é costeiro, pero que ten outros encantos e bonitas paisaxes como poderedes comprobar a través do roteiro do río Mercurín”.

Trala recepción tanto alcalde como escolares e profesores, acompañados tamén polos concelleiros de Medio Ambiente, Jesús Pedreira, e de Educación, Silvia Marín, dirixíronse ata o campo da feira para iniciar o roteiro do río Mercurín. Unha ruta de 15 kilómetros aproximadamente que realizaron durante a xornada.

Tal e como explicaron dende a organización da actividade, os obxectivos desta iniciativa son que os alumnos convivan durante dous días, un en Ordes e outro en Vilagarcía, coñecendo mellor os seus respectivos municipios, ademais de facer unha ruta de sendeirismo.

Sociedade