Ameneiro e Vigo van polo Subcampeonato de España de R2

Ameneiro e Vigo van polo Subcampeonato de España de R2
05 de Novembro, 2019 - 02:20 h. | Publicada por Radio Fene

O 25 Rallye da Nucía (Alacant) será a penúltima cita do Campionato de España de Rallyes de Asfalto. O equipo da Escuadra Scratch Fene formado por Édgar Vigo e Fátima Ameneiro, desprázase esta semana a La Nucía en Alacant para disputar unha nova cita da CERA. Aínda que o seu obxectivo esta tempada era o Supercampeonato de España de Rallyes, a posibilidade de obter o subcampeonato de España de Rallyes de Asfalto entre os vehículos R2, foi motivo máis que suficiente para que o equipo decidise tirar o resto e desprazarse até terras alacantinas.

Edgar Vigo e Fátima Ameneiro

O rallye comeza cos recoñecementos oficiais o mércores e xoves, pasando a disputarse o venres un tramo especial no karting Finestrat e xa o groso da competición na xornada do sábado con 7 tramos diferentes e uns 150 km cronometrados. Este rallye vai ser novo para o equipo fenés, debido a que a súa entrada na CERA produciuse coincidindo coa participación de Édgar e Fátima no CERT (terra). Aínda así, o seu primeiro rallye na CERA, alá polo ano 2011, foi a última edición do Rallye de Vilajoiosa, polo que esperan que algúns tramos poidan coincidir nalgunhas zonas.
A situación do equipo na clasificación actual, coloca a Édgar na cuarta posición entre os R2 con 60 puntos, fronte aos 62 e 65 puntos do terceiro e segundo clasificado que non están inscritos nesta proba. Deste xeito, o equipo volverá usar a calculadora. No caso de Fátima, a súa posición xa é a de segunda entre os copilotos de R2 e buscará afianzar as súas diferenzas. Os dous amósanse preparados para afrontar este reto, tanto física como psicoloxicamente, e para disfrutar da proba sen arriscar máis da conta.

 

Deportes

Publica o teu comentario agora