Amplíase o servizo de axuda no fogar

Amplíase o servizo de axuda no fogar
22 de Marzo, 2020 - 11:03 h. | Publicada por Radio Fene

A área de Benestar Social do Concello de Fene acaba de publicar o seu protocolo de actuación para a atención domiciliaria tanto a persoas dependentes como a aqueloutras que se atopen nunha situación de vulnerabilidade incrementada pola crise sanitaria da COVID-19. O departamento xa informara hai uns días do dispositivo que ten en marcha en colaboración con Protección Civil para achegarlle alimentos, artigos básicos e medicamento a aquelas persoas que vivan soas e que non dispoñan de apoio familiar para cubrir esas necesidades. Agora dá un paso máis e  impulsa novas medidas que teñen por obxectivo garantir unha atención que chegue a máis xente e con servizos ampliados.

Casa do Concello de Fene. Marzo 2020

Se fose necesario mesmo se prescindirá dos procedementos administrativos correspondentes de cara a conseguir a axilidade e inmediatez asistencial que requiren as actuais circunstancias. Para obter máis información ou solicitar axuda débese contactar co departamento nos teléfonos 981 492 706, 981 342 607 ou 607 616 840.

No ámbito da atención ás persoas maiores que xa dispoñen de Servizo de Axuda no Fogar -tanto básico como de dependencia-, Servizos Sociais explica que nestes momentos continúan recibindo a atención de acordo coas súas programacións habituais, salvo aqueles casos en que as familias ou as propias persoas usuarias soliciten a suspensión temporal dos servizos mentres dure a alerta sanitaria.

Con todo, se algunha persoa precisase a ampliación do servizo con tarefas que non estivesen recollidas previamente, como facer compras ou acudir á farmacia, Servizos Sociais incorporará de forma inmediata eses cometidos aos plans de intervención. Da mesma maneira o departamento tamén indica que  se valorarán -e se concederán, de ser preciso- os casos de aquelas persoas usuarias "que por causa da crise necesiten a ampliación puntual de horas de atención ou establecer franxas horarias que non tiñan, por contar con persoal de apoio co que agora non contan".  

As medidas excepcionais de Servizos Sociais tamén se refiren ás persoas do SAF básico que aínda non fosen valoradas para a súa alta no servizo. Só con solicitalo concederáselles "de forma temporal e durante o período de confinamento" un servizo "axeitado ás súas necesidades" que inclúa a compra de alimentos e medicamentos, así como outras atencións persoais que precisen. De ser necesario, a área municipal mesmo saltaría os procedementos administrativos, "seguindo as instrucións e directrices das autoridades de servizos sociais". Unha vez rematen a situación de alerta sanitaria "valorarase a suspensión ou continuidade do servizo ate a resolución do expediente".

Con respecto ás persoas dependentes que teñen concesión de SAF pero que agardan a alta -é dicir, quen está en lista de espera- desde Servizos Sociais informan que se recollerán  "aquelas demandas de persoas que vivan soas ou con familia tamén dependente, con enfermidade, persoas maiores, discapacitadas, menores ou con outras circunstancias de vulnerabilidade" a quen se lles concederá "inmediatamente e de forma temporal" un servizo axeitado ás súas necesidades e, tamén nestes casos, "a merca de alimentos, medicamentos e outros produtos básicos", co límite de horas máximas concedidas en función do grao de dependencia. 

Pecha a batería de medidas a atención a persoas maiores, discapacitadas ou enfermas que vivan soas ou con familia vulnerable pero que non se encontren en ningún dos anteriores supostos de SAF xa concedido ou en lista de agarda. Aquí propóñense dúas liñas de actuación: por unha banda incorporar as solicitudes a unha listaxe para a adquisición de alimentos, medicamentos e outros produtos básicos, e, por outra, conceder "con carácter temporal mentres dure o confinamento" un servizo de axuda no fogar básico de emerxencia, previa valoración da problemática e das necesidades concretas.

Segundo explica a concelleira do ramo, Mari Carmen Martínez, "nestes momentos de crise podemos manter e ampliar o catálogo de servizos debido a que foron moitas as familias que solicitaron a baixa temporal no SAF, dado que poden atender por si ás persoas dependentes que teñen na casa. Debido a esa baixada de horas prestadas a empresa concesionaria tiña previsto iniciar un ERTE para parte do seu cadro de persoal, pero desde o Concello consideramos como mellor opción aumentar o cupo de posibles persoas beneficiarias, co que se mantén emprego e se garante a cobertura asistencial a un maior número de persoas que o necesiten".

Programa de emerxencia social para necesidades básicas
A Concellaría de Servizos Sociais tamén estende as medidas ás familias con máis dificultades socioeconómicas. Mantense o programa de emerxencia social destinado a aqueles núcleos familiares -a maioría con menores a cargo- e amplíase o seu alcance a aqueles casos "máis vulnerables" analizados polo equipo técnico do departamento que se encontren "en situacións económicas precarias e que vexan restrinxidos os seus movementos ou para recibiren axuda doutros familiares ou amizades". 

Neste sentido, Servizos Sociais tamén asumirá con bonos semanais a atención das familias que contaban con apoio da Fundación Amigos de Galicia, a quen a Consellería de Sanidade lle prohibiu recentemente a distribución de alimentos.

Para obter máis información sobre todas estas medidas e incluso para solicitar acollerse a calquera delas cómpre chamar de luns a venres entre as 9 e as 14.00h. aos teléfonos do Centro Municipal de Servizos Sociais -981 492 706 / 981 342 607 / 607 616 840- ou enviar un correo a servizos.sociais@fene.gal. Lémbrase, ademais, que ante calquera necesidade asistencial urxente -alimentos, medicamentos, produtos básicos- pode contactarse co Concello no 981 492 707 -luns a venres en horario de mañá- ou ben coa Policía Local -981 492 777- e coa agrupación de Protección Civil -663 379 073- que atenderán este tipo de peticións durante todos os días da semana entre as 7.30 e as 21.30h

Sociedade

Publica o teu comentario agora