A ampliación do Museo do Mar de San Cibrao poñerá en valor a historia marítima de Lugo

A ampliación do Museo do Mar de San Cibrao poñerá en valor a historia marítima de Lugo

07 de Novembro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

 

O novo proxecto museístico poñerá en valor o mar de lugo como un dos principais atractivos turísticos e patrimoniais da provincia. O proxecto de ampliación dotará ó Museo do Mar de San Cibrao, en Cervo dun novo espazo expositivo. Tamén pretende recuperar o patrimonio materia e inmaterial vencellado á tradición mariñeria da comarca da Mariña Lucense.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, maila xerente da rede museística provincial, Encarna Lago, presentaron esta tarde o novo proxecto museístico e a ampliación do Museo do Mar de San Cibrao, que se levarán a cabo cun orzamento de 190.000 euros. A ampliación dotará ao centro dun novo espazo expositivo de preto de 200 m2, e o proxecto museístico ten por obxectivo a posta en valor do mar de Lugo como un dos principais atractivos turísticos da provincia, por medio da recuperación integral e a posta en valor do patrimonio material e inmaterial vencellado á tradición mariñeira. A Mariña ten un litoral que comprende oito concellos e máis de 100 km de costa, cunha importante tradición mariñeira construída ó longo dos séculos, pero que a propia evolución económica da zona foi diluíndo no esquecemento.

O vicepresidente da Deputación comentou que “este proxecto ven a dar unha resposta, sin pechar outras portas e desde a austeridade, ás necesidades que levan manifestándose desde hai tempo”, explicou que “defendemos que por austeridade non debe entenderse o peche do grifo, e polo tanto, deixar de ofrecer servizos, senón que debe ser considerada como a procura da maneira de ofrecer os mesmos servizos con menos gasto”. Como explicou Encarna Lago, “os materiais cos que se construirá a nova estrutura serán pizarra, madeira ou cristal, procurando que pase desapercibida pero que conte con todas as facilidades en canto a accesibilidade e operatividade”. Lembrou que “este museo é un referente en canto a accesibilidade, e un verdadeiro exemplo de como desde algo pequeno se poden lograr cousas grandes”. Comentou a importancia de “reactivar os museos e facer que se poña de manifesto cada vez máis o carácter destes como intermediarios entre a sociedade e a súa historia”.

Para poñer en marcha este proxecto, realizarase unha revisión da documentación escrita e as fontes gráficas e audiovisuais que existen sobre a materia. Establécese como prioridade a creación dun arquivo que recolla a tradición oral da comunidade mariñeira, para o cal adquire unha grande importancia a participación das xentes do mar na reconstrucción da súa propia historia, non so pola importancia das súas testemuñas vitais, senón como medio de transmisión a longo prazo dun patrimonio que forma parte da súa propia identidade como individuos e como membros da sociedade. O proxecto pretende subliñar o carácter didáctico do Museo do Mar, e o obxectivo do mesmo de facer as veces de intermediario e transmisor entre a sociedade e o patrimonio que preserva, custodia e difunde, sendo depositario, ademais de obxectos, da memoria histórica e das lembranzas que forman a identidade dun pobo.

O estudo ten a intención de integrar aos concellos de Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro e O Vicedo, par o cal sería desexable unha coordinación operativa das labouras de investigación, buscando a colaboración das seis confrarías de pescadores nas que se agrupa o sector nesta comarca. Estudaranse, en principio, temas como a historia da pesca, a construcción naval na Mariña , o patrimonio industrial, as confrarías de pescadores como institucións socio-asistenciais ou a elaboración dun arquivo de historia oral dos mariñeiros de Lugo, entre outras cousas. Destacan, por exemplo, a cetárea de Rinlo, o cargadoiro e as minas de Vilaodriz de Ribadeo, os asteleiros e as fábricas de salgazón e conserva de Foz, a pesca d bonito en Burela,  caza da balea en San Cibrao, o cargadoiro de Viveiro e as minas da Silvarosa, ou os Moutillós do Vicedo.

Sociedade