A análise económica de Ferrolterra en cifras

A análise económica de Ferrolterra en cifras

15 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Ofrecer unha panorámica da economía de Ferrolterra. Este é o obxectivo principal da segunda entrega de “Ferrol en cifras” que presentou esta mañá a Cámara de Comercio. No estudo traballouse con fontes estatísticas e documentos oficiais e a través do contacto directo con entidades, empresas e concellos da bisbarra.

O documento estrúcturase en varios apartados como o de territorio e medio ambiente no que se aportan datos da climatoloxía. O nivel das Forcadas, os Puntos Limpos na comarca… A poboación feminina é máis numerosa que a masculina agás no concello de As Somozas, onde gañan por goleada os varóns. Uns datos que se desprenden no capítulo de demografía e poboación no que tamén se extrae a existencia na comarca dunha taxa de crecemento negativo. Só gañan poboación Ares, Narón e Valdoviño. Ferrol, aporta o dato máis negativo de crecemento de toda a comarca. A idade media é superior á media galega agás en Narón onde medra a natalidade e a chegada de residentes xóvenes. 

Destácase o forte movemento asociativo da comarca con máis de 200 agrupacións, sobre todo, culturais e xuvenís. Contamos con 10 residencias de maiores que suman un total de 831 prazas aínda que só existe en todo Ferrolterra un Centro de día. Os tres centros hospitalarios suman un total de 737 camas. Outros datos que se reflecten en “Ferrol en cifras 2009” son os macroeconómicos. A renda familiar media é inferior á galega agás Ferrol cunha renda superior. Un dos sectores máis importantes para a  nosa bisbarra, o turístico, tamén ten cabida neste balanzo. Existen 3.300 prazas de aloxamento distribuídas en 69 establecementos. O documento complétase con cifras sobre educación, traballo e desemprego, empresas e a actividade portuaria. Todo cifrado e calculado en “Ferrol en cifras 2009”.

Sociedade