Andrea Maceiras gaña o premio Meiga Moira 2010 de literatura infantil e xuvenil

Andrea Maceiras gaña o premio Meiga Moira 2010 de literatura infantil e xuvenil

02 de Outubro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

Unha excelente historia cunha trepidante mestura de trama amorosa e aventura no ámbito do fantástico e na que consegue crear un clima convincente entre as dúas realidades en que habitan os seus protagonistas. Definiu así o xurado a novela Violeta tamurana, de Andrea Maceiras, gañadora da cuarta edición do Premio Meiga Moira de literatura infantil e xuvenil, convocado por Baía Edicións.

O xurado, formado pola escritora Marica Campo, a profesora de Lingua e Literatura Galega no IES Paseo das Pontes da Coruña, Conchi Regueiro, o ensaísta e profesor da UDC Carlos–Paulo Martínez Pereiro, que actuou de Presidente, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria, resolveu conceder por unanimidade o 4º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil á obra presentada baixo o lema “Arquipélago”.

Abertas as plicas, a mesma resultou corresponder a presentada pola escritora Andrea Maceiras Lafuente, e que leva como título Violeta tamurana e proposta para o tramo de idade de 12 a 16 anos.

A obra ten un heroe moi definido, que vence as dificultades a través dunha forte vontade e un desexo firme de servizo e sacrificio pola comunidade humana á que pertence. Asemade, destaca tamén a figura do mentor, exemplo e guía para dar un sentido aos obxectivos marcados.
Propón unha mensaxe non racista, poñendo en valor a tolerancia, sabedoría ancestral e a fusión coa natureza, ao tempo que significa a importancia relativa da verdade e o coñecemento para loitar contra a tiranía e o imperialismo, quen sustentan o seu dominio sobre os pobos a través do mantemento da ignorancia e do temor ao descoñecido e ao diferente.

A historia é contada cunha narración limpa, enriquecida polo estilo poético, o que realza a innegábel beleza das descricións realizadas, especialmente do espazo natural que conforma o país do protagonista.

A obra será publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira antes de finalizar o ano e a autora recibirá 2500 euros, cantidade coa que está dotado o Premio.

Noutra orde de cousas, o Xurado valorou a alta calidade e cantidade das obras presentadas, das que alcanzaron a selección final 22, o que evidencia o extraordinario momento que vive a literatura en galego dirixida ao público infantil e o importante xermolo de escritoras e escritores que está dando o país para seguir facendo avanzar o galego como idioma literario e de uso vehicular entre as nosas nenas e nenos.

 

Andrea Maceiras 

Naceu en 1987 en Cambre. É estudante de Filoloxía Hispánica na Universidade da Coruña. Até o de agora recibiu os seguintes premios: 1º Premio do Certame literario de poesía e narración breve do Concello de Cambre nos anos 2002, 2005 e 2006 na modalidade de relato curto e no ano 2007 na modalidade de poesía, coa publicación dun dos relatos nunha edición conxunta elaborada polo Concello. Finalista do Certame de relatos curtos “Os Viadutos” no ano 2006, co relato “O falacia”, publicado nunha edición conxunta.Con Proxecto Bolboreta (Colección Fóra de xogo, Xerais, 2008) obtivo o 1º Premio do Certame de Micronovela Concello de Soutomaior 2007. Tamén foi finalista no 2010 do Premio Biblos Pazos de Galicia. 

Sociedade