Anido e Irago recollen o Premio Xosé Couso en Ferrol

Anido e Irago recollen o Premio Xosé Couso en Ferrol

03 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Os xornalistas, Daniel Anido e Rodolfo Irago, acuden a Ferrol o próximo venres para recoller o Premio Xosé Couso á liberdade de Prensa. O alcalde, Vicente Irisarri, faralles unha recepción oficial na Casa do Concello, onde asinarán no libro de ouro da cidade. A Real Filarmonía de Galicia estreará unha peza do compositor nedense, Paulino Pereiro, para a ocasión.

O próximo venres o Teatro Jofre de Ferrol acolle a entrega do Premio Xosé Couso á liberdade de prensa. Unha hora antes, no Cantón de Molíns, o xornalista da RTVG, Tino Santiago, será o encargado de ler o comunicado no nome do Colexio Oficial de xornalistas de Galicia e o Club de prensa diante do Monumento de Patinha.

A tamén xornalista, Belén Regueira, fará o propio na gala que comeza ás 8 no Jofre, onde se entregará o premio deste ano ao director e ao xefe de informativos da cadena SER, Daniel Anido e Rodolfo Irago, acusados dun delito de rebelación de secretos polo que foron condeados a un ano e medio de prisión e á sua inhabilitación. 

O acto rematará co concerto da Real Filarmonía de Galicia dirixida por Maximino Zumalave, que estreará para a ocasión unha peza “ Tres parodias e un sorriso” do compositor nacido en Neda en 1957,Paulino Pereiro. O alcalde de Ferrol recibirá aos premiados ás 6 da tarde na Casa do Concello onde asinarán no libro de ouro da cidade.

Sociedade