Animalario

O alumnado do laboratorio artístico Laudas Calamiti de Fene, expón por primeira vez
05 de Xuño, 2019 - 12:11 h. | Publicada por Radio Fene

“Animalario” inaugúrase o venres 7 ás 19,30h na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura- Museo do Humor, a partir das 19,30 horas, con entrada libre e a actuación estelar da banda Grey City Funk.

ESCOITA O PODCAST:

Os alumnos e alumnas do Laboratorio de Creación Artística Laudas Calamity que dirixe a artista local Laura Bouza inauguran este venres a súa primeira mostra colectiva baixo o título Libros de Artista “Animalario”. Será na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura- Museo do Humor, a partir das 19,30 horas, con entrada libre e a actuación estelar da banda Grey City Funk. Trátase dunha expo colectiva (nenos e adultos) dos alumnos e alumnas do Laboratorio que, neste curso, foron uns 65. Amosarán o traballo realizado en torno aos libros de artista baixo o título "Animalario". Todos teñen o mesmo formato e soporte, sen embargo todos son distintos. O contido dos libros son as imaxes e a palabra (levan texto). Segundo Laura Bouza, responsable de Laudas Calamity, queren que esta sexa unha expo didáctica para poder explicar ao público en que consiste crear un libro de artista. Falar da composición, debuxo, distintas técnicas…A mostra poderá visitarse ata o 30 de xullo, de luns a venres de 10 a 13 horas e de 18 a 21 horas, e os sábados de 10 a 13 h (a partir do día 21, de luns a venres de 10 a 14,15 horas).

Sobre Laura Bouza

Comeza a súa formación na Escola Mestre Mateo (Santiago de Compostela) para logo irse a estudar a Bilbao Belas Artes onde se licencia pola UPV- EHU. Continua a súa formación en Pontevedra cun Máster en Libro Ilustrado e Animacíón Audiovisual (Universidade de Vigo), entre outros cursos. É a ideóloga e responsable do Laboratorio de Creación Artística, Laudas Calamity, onde na actualidade imparte clases de educación artística e desenvolve a sua actividade como artista.

Cultura

Publica o teu comentario agora