Antón Louro inaugura en Becín, Guitiriz, unha praza e unha escola

Antón Louro inaugura en Becín, Guitiriz, unha praza e unha escola

30 de Xullo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O delegado do goberno en Galicia, Antón Louro, achegouse esta mañá á localidade guitiricense de Becín para inaugurar un espazo público para desfrute dos veciños. Ó acto tamén se uniu a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín e o subdelegado do Goberno en Lugo, José Vázquez Portomeñe.

O poema “Esmeralda” do poeta guitiricense Díaz Castro abriu o acto de inauguración. A voz púxoa a alcaldesa para oficiar un canto á pequenez, co único obxectivo de explicar os porqués dunha gran inversión nunha parroquia pequena de 133 habitantes coma Becín. E os motivos sinalounos Regina Polín do seguinte xeito: pola aposta polo rural, por asentar á xente e converter a vila nunha parroquia viva, para inverter a pirámide de poboación nun núcleo onde escasean os máis novos, para facer do local social un elemento dinamizador que fomente as relacións interveciñais e principalmente – recalcou- “porque a parroquia de Becín e os seus habitantes o merecen”.

A alcaldesa de Guitiriz quixo sinalar que o Plan E posibilitou acometer as obras e crear un entorno singular nun sitio pequeno pero “cunha enorme riqueza paisaxística”.

O delegado do goberno en Galicia, Antón Louro, lembrou con referencia ó Plan que permitiu dar traballo a 63 persoas durante o ano pasado nas obras executadas en Guitiriz. Así mesmo, destacou que o municipio lugués recibirá durante este ano máis de 600.000 euros para levar a cabo outros catro proxectos que tamén xerarán novos postos de traballo. As obras terán lugar nas localidades de Lagostelle e Corredoiros.

Antón Louro sinalou que “hoxe é un día bonito para Becín porque recuperamos o que é de todos” e resaltou que a mellor política baséase “no diálogo, nos acordos e en facer as cousas pola xente.”

Na súa visita a Becín, o delegado do goberno aproveitou para participar na entrega de diplomas da finalización da etapa de campamento estival dun grupo de cativos.

A inversión en Guitiriz non remata neste punto. O Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño financiará un proxecto por valor de máis de 200.000 euros destinado á mellora de accesos a explotacións gandeiras en Pedrafita, Santa Mariña e Trasparga, entre outros. Así mesmo tamén se vai mellorar o acceso á estación de tren de Guitiriz.

Sociedade