Antoloxía pictórica de Virxilio en Madrid

Antoloxía pictórica de Virxilio en Madrid

05 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

O pasado xoves 2 de marzo inaugurouse na Casa de Galicia en Madrid a exposición de pintura "Seis décadas de pintura", de Virxilio. A exposición, que poderá visitarse ata o mércores 29 de abril, quere ser unha antolóxica do autor. Algúns cadros pertencen á colección privada do pintor, moitos levan ata décadas ao seu lado, e bastantes nunca antes foran expostos.

Virxilio Fernández Cañedo, nacido en Ourense en 1925, fillo dun debuxante e pintor afeccionado, inicia a súa formación na Escola de Artes e Oficios da súa cidade natal, baixo a dirección de Luís Xesta. Máis tarde xúntase aos "Artistiñas", grupo auspiciado polo escritor Vicente Risco, do que é o máis veterano.
Expón por primeira vez en 1954 no Liceo ourensán. Tres anos despois ingresa na École Nationale Supérieure deas Beax Arts de París, na que completa a súa formación. Gaña o seu primeiro premio cun cartel para o concello ourensán en 1959. Pasa longas tempadas en París, alternándoas con estancias en Galicia, na súa casa do Cumial, onde debuxa, ilustra libros, pinta e prepara exposicións que se suceden en todas as cidades de Galicia e Madrid, Barcelona, Santander e Valladolid.
Consolida o seu prestixio e a súa obra empeza a chegar aos museos. Emblemático por moitos conceptos resulta o seu cadro Carta de Alemaña, exposto en Vigo; reprodúceno moitos libros porque constitúe un símbolo da Galicia campesiña e emigrante.


Un momento crucial na súa vida chega en 1972, cando expón por primeira vez en Milán, interesando a súa obra no ámbito da gran cidade. A partir de 1975 dáse a coñecer en Alemaña, país que vai ser o seu mellor mercado, ata o punto de instalarse nalgunhas das súas cidades, sobre todo en Berlín, ao longo de moitos meses do ano. A súa pintura cruza o Atlántico e exponse en Caracas. A súa consagración definitiva conséguea coa exposición antolóxica que dentro da serie de grandes artistas galegos dedícalle Caixavigo no seu centro cultural en 1991.
O seu peculiar estilo popularízase polo encargo de dinteles, capitulares, colofóns e viñetas para a Gran Enciclopedia Galega, obra que nun principio se editou en fascículos alcanzando unha gran difusión.


A súa obra está representada en todos os museos de Galicia, así como en centros e institucións públicas. Realizou tamén unha gran obra para o aeroporto de Santiago de Compostela. A obra de Virxilio ten dúas características moi definitorias; é, por unha banda un debuxante minucioso, de caligrafía exquisita ou de trazo groso e simplificado, faceta na que idealiza paisaxes, ambientes e composicións de figuras, que é a que lle deu prestixio; por outra banda é un paisaxista conciso, de paleta agresiva, para representar unha natureza en verdes, terras, ocres e negros. Tamén é autor de retablos, pintura baixorreleve sobre táboa.

Horario: de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
CASA DE GALICIA | R/Casado do Alisal, 8 - 28014 Madrid | Tlf.:91 595.42.00 Fax: 91 595.42.33 | casa.galicia@xunta.es

 

Cultura