Ao Rácing chégalle coa clasificación

Ao Rácing chégalle coa clasificación

04 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Dous puntos. Esa é a distancia que separa ao Vilalbés da Terceira División. Tras a súa vitoria fronte ás As Pontes, ao equipo chairego bástalle unha derradeira zancada para acadar unha meta que puido ser realidade se o Bergantiños non vencese ao Castro no seu terreo de As Eiroas. Esa mestura de ansiedade e superioridade lastrou o choque de onte, caracterizado por un exceso de confianza ante un rival menor que non inquietou nunca e que colaborou co obx

Unha primeira parte de inercia gañadora, a visoñez do seu rival e unha aplicación estrita da teoría “Florista” da importancia do saque de banda, fixeron o suficiente para acudir aos vestiarios con vantaxe.

 

O asubío inicial deixou aos dous equipos parellos sobre o céspede. Pero a igualdade dos primeiros minutos foi contrarrestada pola presenza e o traballo de Hugo sobre o círculo central e a solidariedade de Pablo Viveiro na presión. A mobilidade de Omar fixo o resto. O oito sacou un par de disparos pegados ao pau da meta de Ángel que asustaron aos ponteses e os meteron atrás.

Sen embargo, o seu dominio non producía nada. O Rácing o tomaba con calma. Consciente da inferioridade do seu contrario e da súa solvencia clasificatoria, sabían que en calquera momento a espada de Damocles segaría a cabeza azulona.

E este momento chegou aos 39 minutos. Un inocente saque de banda de Agustín desde a dereita rematou no centro da área pontesa, onde a incompetencia da defensa e as gañas de contribuir ao ascenso vilalbés do gardameta Ángel deixaron un balón franco a Dani, que agradeceu o agasallo enviando un pase á rede, que dirían os galiñas do River Plate, e facer o 1-0. Pero o tempo do Nadal parecía non pasar para o porteiro visitante. Un córner de Agustín acabou na cara interior do pau, os locais reclamaron un gol pantasma e o trencilla Domínguez de Bernardi enfilou o camiño á caseta.

O tempo do descanso non envalentoou á As Pontes. O complexo de inferioridade técnica e táctica era o suficientemente profundo como para non anular a superioridade do centro do campo racinguista. Un disparo potente de Omar puido finiquitar o choque, pero uns centímetros prolongaron a mínima distancia do marcador.

O xogo era unidireccional e os tres cuartos do conxunto de Alberto López foron propiedade privada verdiroxa. Só unha tímida contra de Carballeira, o único pontés que osou explorar terreo alleo, fixo intervir por primeira vez ás mans de José Ángel, que ata ese minuto 65 era un vilalbés mais que desfrutaba dunha tarde primaveral en A Magdalena.

Cando o gol parecía chegar por empuxe, o conformismo instalouse no banquiño de Charly, os cambios non tiveron o efecto desexado, o Rácing deu un paso atrás e invitou aos de azul a recuperar trazado e avanzar ata equilibrar o choque e convertilo en estéril.

Rácing Vilalbés: José Ángel; Agustín, Suso, Roberto Prieto, Álex; Hugo, Pablo Viveiro, Vicente (Borja Prieto, min. 45); Omar (Debasa, min.79), Nico (Félix, min. 61) e Dani.

As Pontes: Ángel; Hugo, Seco, Boo, Brais; Esmoris, Alonso; Pablo (Ferreiro, min. 54; Víctor, min. 72) Troncho, Carballeira e Rebolo (Moreno, min. 45).

Árbitro: Domínguez de Bernardi, colexio coruñés. Amonestou a Alonso (min. 27) e Troncho (min. 65) por As Pontes.

Incidencias: Unhas 250 persoas no Estadio de A Magdalena.

Deportes