A AP9 está máis que pagada

A AP9 está máis que pagada
01 de Febreiro, 2021 - 11:33 h. | Publicada por Radio Fene

A AP9 está máis que pagada, afirma o deputado do BNG, Nestor Rego, quen agarda con esperanza o debate de mañá no Congreso dos Deputados. A fin de contas foi el quen puxo como condición política a rebaixa das peaxes para apoiar a investidura de Pedro Sánchez.

ESCOITA O PODCAST:

O seu desexo é que o rescate se faga con rigor pero “a AP9 está máis que pagada”, afirma o deputado do BNG no Congreso, Nestor Rego.. Dando por suposto que a proposta de iniciar a transferencia á comunidade autónoma sairá adiante co respaldo maioritario da cámara, ábrese despois un proceso legal de presentación de emendas antes da aprobación definitiva. “Desta vez ten que ir porque a maioría das forzas do Congreso manifestáronse a favor” afirma Rego para quen a transferencia debera comportar unha rebaixa das peaxes. “Aínda que legalmente unha cousa non implique a outra, penso que debera ser así”.

O primeiro paso será que o Estado faga fronte aos compromisos económicos e a maiores que poda haber un rescate e se libere das peaxes, afirma o deputado nacionalista, porque a AP9 está máis que pagada. “Mentres isto non acontece, hai que poñer en marcha as rebaixas prometidas no acordo co BNG” declara Nestor Rego. Para o deputado nacionallista, o sistema de prórrogas na concesión da AP9 a cambio de obras, non só está viciado senón que é “perverso”. Na Galiza quedan dúas autoestradas de concesión tan ampla, a AP9 e a AP 53 e queda tamén a de Asturias a León. Galiza é o único lugar do Estado onde as obras de mellora da autoestrada as pagan os usuarios pola vía das peaxes.

“Todo isto lastra a capacidade de competitividade da economía galega”. Para Rego, está por ver se o rescate suporá unha compensación económica á concesionaria. “Hai que facer un estudo rigoroso, ver os gastos e os beneficios da concesionaria” e amósase convencido de que en moitos casos se sobredimensionaron os custes – por exemplo no tramo Fene-Ferrol, segundo os expertos-. “Que o rescate se faga con rigor, porque está máis que pagada” sentencia Rego, mentres agarda polo ansiado debate de mañá no Congreso dos Deputados.

Sociedade

Publica o teu comentario agora