Apoiando o Día da Nena

A limpeza do río Cádavo preocupa a toda a oposición
05 de Outubro, 2018 - 09:43 h. | Publicada por Radio Fene

Os grupos da oposición coincidiron en que o pleno real durou un minuto, para criticar a falta de propostas do goberno. O alcalde anuncia que as Ordenanzas se debaterán nun pleno extraordinario este mes.

ESCOITA O PODCAST:

O Pleno de Fene aprobou onte, por unanimidade, dúas mocións. Unha da asociación "Querendo mulleres en Endometriose" que reclamará ao Sergas e ao Ministerio de Sanidade unha maior atención ás mulleres afectadas por esta doenza, a creación dunha Unidade multidisciplinar, a gratuidade dos medicamentos ou un Plan estatal de formación de profesionais. Demanda dos concellos unha campaña de información nos centros de ensino. Fene adheriuse tamén á conmemoración do "Día Internacional da Nena" o 11 de outubro, que pretende visibilizar a doble discriminación das nenas por razón de sexo.

Os grupos da oposición coincidiron en que o pleno real durou un minuto, para criticar a falta de propostas do goberno bipartito de PP e Somos Fene. O alcalde responde que este mes se celebrará un pleno extraordinario para aprobar asuntos relevantes que non estaban preparados aínda. Referiuse ás Ordenanzas municipais, entre outros. A limpeza do río Cádavo, a maleza en San Valentín ou a homenaxe a Sito Sedes foron temas recurrentes no apartado de rogos e preguntas. O goberno anunciou que se quere poñer unha beirarrúa enriba do muro de contención do río Cádavo en Perlío, daí que se estea modificando o proxecto e se parasen as obras temporalmente.

O BNG insistiu en que hai que convocar unha nova bolsa de conserxes porque a anterior caducou e criticou que se olvidaran de Neda no estudo económico do Punto Limpo. Interesouse tamén pola concesión da cafetería do pavillón A Xunqueira.

O grupo socialista recalcou o deterioro dos parques infantís feneses que carecen de certificación e hoxe en día son inseguros. Tamén na necesidade de repor losetas en moitas beirarrúas municipais e na urxencia de regular o aparcamento dos autobuses escolares no IES de Fene. Respondeu o grupo de goberno a isto último que xa se encargou un proxecto e que se están recollendo suxerencias coa dirección do centro.

Por último, EU preguntou sobre a recollida de voluminosos nun punto de Sillobre onde os residuos pasaron quince días esquencidos na rúa. Os portavoces dos grupos políticos municipais fixeron declaracións ao remate da sesión plenaria.

Institucional

Publica o teu comentario agora