Apoio a Noa madeira creativa

Apoio a Noa madeira creativa
03 de Xaneiro, 2020 - 08:55 h. | Publicada por Radio Fene

A Corporación de Fene respalda as demandas do plantel de Noa madera creativa. Posicionouse en contra da precarización das relacións laborais e contra a sustitución de persoal fixo por traballadores das ETTs. 

ESCOITA O PODCAST:
Pleno da Corporación de Fene. 2 de xaneiro de 2020

A Corporación de Fene tamén aprobou a modificación das tarifas de taxi, atendendo a unha petición dos taxistas da localidade. O acordo adoptouse co respaldo do Partido Popular e a abstención do BNG, PSdG PSOE e Esquerda Unida. O incremento apenas supera a suba do Índice de Prezos ao Consumo. En relación con este tema abriuse un prazo para a presentación de alegacións ou suxestión durante un mes. Os cambios entrarán en vigor cando se publiquen no Boletín Oficial da Provincia, previa autorización da Xunta de Galicia. A última vez que se subiu foi no 2016. 
O Concello tamén aprobou por unanimidade iniciar os trámites para desafectar do servizo educativo das escolas de educación infantil de propiedade municipal. Trátase dos edificios escolares de Magalofes, San Marcos, Fonte do Campo e Chamoso en Fene, Peleteiro en Perlío, Souto Grande en Barallobre, Armada e Curros Enriquez de Maniños. Solicitase esa medida para asegurar a legalidade da cesión das escolas a diferentes sociedades e a posible realización de obras nesas edificacións de propiedade municipal. En concreto o Radio club Alfa Charlie solicita autorización para o cambio da antena da escola de Magalofes polos desperfectos rexistrados a raíz dos últimos temporais. Para conceder a licencia de obras é necesaria a desafectación previa. Tardará entre un e dous meses, segundo avanzou o concelleiro de Urbanismo Juan José Franco. Non é posible unha licenza provisional e urxente pola cualificación da parcela no Plan Xeral de Ordenación Municipal, apuntou Franco. O concelleiro do BNG Juventino Trigo preguntou pola postura do Partido Popular acerca da obra demandada polos radioafeccionados. A voceira do PSOE Mar Piñeiro reclamou a separación dos expedientes de cada escola para poder axilizar a licencia solicitada para a escola de Magalofes. Coincidiu nesa demanda e na reclamación da maior urxencia a representante de Esquerda Unida. 

Contra a precarización
O comité de empresa de Noa madeira creativa presentou no pleno unha moción solicitando o apoio da Corporación para o mantemento do emprego nesta firma que conta cuns douscentos empregados no polígono industrial de Vilar do Colo. Xa se perderon arredor de corenta postos de traballo e se ten realizado o traslado de moitos traballadores de Fene para as instalacións do grupo Malasa en Cerceda. O Concello defende o mantemento dos postos de traballo, da oficina técnica de Noa madeira creativa e insta á dirección da empresa a negociar cos traballadores calquera variación das relacións laborais. Por unanimidade, aprobouse a iniciativa contraria á precariedade laboral. 

Rogos e preguntas
O BNG preguntou pola existencia de comunicación oficial arredor da posibilidade de plantar patacas neste ano 2020. O 10 de xaneiro sairá no DOG o levantamento da prohibición en determinados Concellos entre os que  se atopa Fene, segundo avanzou o alcalde Gumersindo Galego. Os nacionalistas tamén denunciaron a inexistencia dun plan de prevención de actuación a raíz dos temporais sufridos as pasadas semanas. "Falta de previsión, falta de limpeza dos rexistros, incorrecta realización da limpeza dos ríos Cádavo e Magalofes. No estanque situado ao pé da Casa do Concello, hai un metro de lama e pedras, polo que é preciso realizar as limpezas. En 2019 choveu moito, pero chovera mais en 2015 e 2016", asegurou Trigo. 
O PSOE amosou a súa preocupación pola existencia de cascallo no parque da Hortiña de Limodre. "Xa protestamos hai catro meses, e o lixo continua alí", indicou Mar Piñeiro. A edil socialista tamén reclamou maior eficacia na limpeza previa dos ríos para intentar evitar os anegamentos. "Que pasa co control de calidade das obras menores", preguntou a concelleira indicando en concreto as súas dúbidas en torno ás actuacións realizadas no campo de fútbol de Maniños. Piñeiro demandou información acerca dos anegamentos rexistrados na escola infantil do Carril en Barallobre. O Concello debe presionar na Xunta de Galicia para que se acometan as reformas necesarias para solventar os desperfectos causados polo temporal. Seguen dúas aulas pechadas, afirmou a representante socialista. 
A edil de Esquerda Unida Mari Carmen Martinez pediu sentidiño neste exercicio para algún concelleiro. Esquerda Unida apuntou a posibilidade de acudir ao Valedor do Pobo para lograr que se entregue á oposición a información e os expedientes solicitados. Martinez volveu preguntar polo borrador de orzamentos do presente exercicio. A concelleira de Facenda Rocío Bértoa indicou que a carencia de técnica de xestión orzamentaria está a atrasar a elaboración do documento orzamentario. As dúas persoas que aprobaron o exame convocado non queren ou non poden tomar posesión da praza. "Non lle podo confirmar unha data para a presentación do borrador", concluíu Bértoa.
Plusvalías
No quenda do público, un veciño indicou que a liquidación das plusvalías queda anulada, se se demostra que a venda dun inmoble se realizou en perdas, segundo salientan varias sentenzas do Tribunal Supremo. "Vendeuse a vivenda en novembro de 2017 e a plusvalía chegoume un ano e un mes despois. Presentei no seu día un recurso de reposición e non recibiu contestación" apuntou. Pensa devolver as plusvalías indebidamente cobradas á veciñanza, interrogou o cidadán. O alcalde de Fene indicou que é vontade municipal devolver as plusvalías ingresadas e reclamadas. Gumersindo Galego precisou que as sentenzas do Tribunal Supremo están pendentes de desenvolvemento lexislativo. 
Outro veciño queixouse pola existencia de arbores no medio do cauce do río Cádavo. Hai que darlle ao rio o ancho que necesita e Augas de Galicia non pode restrinxir a limpeza, afirmou. Tamén insistiu na necesidade de inspeccionar o tramo no que o río discorre por debaixo da vía nas inmediacións das vivendas de Astano. O mesmo cidadán propuxo habilitar en Fene un cemiterio para mascotas. 
"O Concello debe buscar un novo campo para as festas patronais de Fene, dado que a colocación da tirolina imposibilita a entrada dos camións das orquestras na Fonte do Campo", suxeriu outro cidadán.

Institucional

Publica o teu comentario agora