Apróbase a conta xeral de 2010 do Concello de Ordes

Apróbase a conta xeral de 2010 do Concello de Ordes

07 de Outubro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O pleno da Corporación Municipal do Concello de Ordes reuniuse esta mañá en sesión extraordinaria, unha sesión na que se aprobou a conta xeral de 2010 cos votos a favor do grupo de goberno e o edil do PSOE, os votos en contra dos dous edís do BNG e a concelleira de CideGa, e a abstención dos edís do Partido Popular.

Neste punto, en canto ás críticas da oposición acerca da débeda do Concello, o alcalde, Manuel Regos, lamentou as declaracións dos portavoces falando de cantidades que non se corresponden coa realidade. O primeiro edil insistiu en que a situación económica que está a vivir o Concello de Ordes non difire da do resto de concellos de todo o país, administracións que están a pasar unha situación moi complicada derivada da crise.
Ademais explicou que a débeda bancaria do Concello de Ordes sitúase “no 62% cando está permitido facelo ata o 110%”. Explicou tamén que moitas das facturas que están reflexadas na conta xeral de 2010, pechada en decembro dese ano, xa están pagadas, e insistiu en que “no Concello de Ordes non hai facturas no caixón, están todas rexistradas”. Ademais quixo aclarar que “os traballadores do Concello teñen as nóminas garantizadas e os proveedores cobrarán o ano que ven gran parte da débeda que temos con eles”.

Por outra banda, aprobouse por unanimidade o texto definitivo do convenio urbanístico con Xestur Coruña para a permuta de terreos para o parque empresarial de Merelle.

Tamén se aprobaron outros dous puntos da orde do día sobre a dotación económica dos grupos políticos e a dedicación exclusiva do alcalde, puntos que xa non se debatiron ao ser tratados na comisión correspondente e que contaron cos votos a favor do grupo de goberno, BNG, PSOE e CideGa e a abstención dos edís do PP.

Outro punto tratado no pleno desta mañá foi a modificación das ordenanzas fiscais reguladoras dos tributos municipais, que se incrementarán tan só o incremento do IPC, e a aprobación da ordenanza xeral de prezos públicos, punto que foi aprobado cos votos a favor de todos os grupos excepto os dous edís do BNG que se abstiveron.

Neste punto aprobouse por unanimidade unha enmenda presentada polo PP na que se solicitaba, en relación á taxa de recollida de lixo, que os baixos non utilizados teñan a mesma tarifa que as vivendas.
Por outra banda, rexeitáronse dúas enmendas do BNG, unha na que se solicitaba, en relación ao imposto do IBI, que se bonificase nun 50% ás vivendas que non conten con servizos de saneamento e abastecemento.
A outra enmenda dos nacionalistas que foi rexeitada propoñía a exención do pago de prezos públicos municipais ás persoas físicas que acrediten estar en situación legal de desemprego ou sexan persoas perceptoras de pensións da Seguridade Social na contía mínima legalmente establecida. Ante esta última enmenda, o alcalde, Manuel Regos, explicou que previo informe dos servizos sociais esta cuestión xa se estaba a realizar e seguiríase facendo.

Por último deixouse sobre a mesa, co fin de tratalo na comisión pertinente e nun próximo pleno, a aprobación da ordenanza xeral municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial para ter en conta unha serie de enmendas presentadas e que sexan recollidas no texto.

Institucional