Aproxímase o 25N

A comarca empeza a moverse arredor do Dia contra a violencia de xénero
18 de Novembro, 2019 - 02:28 h. | Publicada por Radio Fene

Fene, Ferrol e San Sadurniño empezan a dar a coñecer diferentes iniciativas contra a violencia machista.

Fene

O concello de Fene foi seleccionado xunto a nove concellos máis da provincia da Coruña para formar parte dun programa impulsado pola Deputación da Coruña na prevención das violencias machistas. O programa consiste nun conxunto de Obradoiros Participativos, de diferentes temáticas, nos que se combinará un formato de exposición teórica con técnicas de innovación social. O obradoiro chámase “A SAÚDE: UNHA CUESTIÓN DE XÉNERO”. Celébrase o 9 e 11 de decembro, de 16.30 a 19 horas. No Centro Municipal de Servizos Sociais. Av. Do Mar Bloque 1-Baixo. San Valentín. A ionscripción pode facerse: por teléfono: 981342607 – 981492706; Por email: smam@fene.gal ou presencialmente. Nas dúas sesións traballarase na prevención das violencias machistas, especialmente daquelas calificadas como de “baixa intensidade”, informando ás persoas participantes sobre os recursos existentes para facerlles fronte, e ofrecendo ferramentas para desactivalas.

MMM

Os actos do 25N empezan a proliferar. A Marcha Mundial das Mulleres de Ferrolterra convída a asistir a unha charla-coloquio con Lola Ferreiro Díaz, que tratará sobre “As opresións patriarcais contra as mulleres e as súas consecuencias". Celebrarase este mércores o 20 de novembro, no Ateneo ferrolán, ás 19 horas. Lola Ferreiro Díaz, é activista feminista e catedrática de Procesos sanitarios. Forma parte do grupo Lúa Crecente de estudo e deseño de programas de Educación para a Saúde desde a perspectiva de xénero.

San Sadurniño

Charlas, cursos, propostas culturais e deportivas, caracterizadas por unha mensaxe transversal de empoderamento feminino, coeducación e reivindicación dunha sociedade libre de violencia(s) por razóns de xénero. Así encara o concello de San Sadurniño o 25N en novembro. O esforzo de concienciación intensificarase en San Sadurniño o sábado 23 de novembro como data de referencia para os actos centrais que se levarán a cabo: pola mañá os obradoiros de sensibilización e autoprotección e, pola tarde, unha mesa rendonda que tomará como eixo de debate e reflexión o documental de Manuel Abad “Contraaluz”, que se proxecta ás 17.00h. O filme reflexiona sobre o ciclo da violencia de xénero a través do testemuño de mulleres vítimas, profesionais da psicoloxía e da xustiza. Abad define a violencia contra da muller como “unha guerra silenciosa que cobrou máis vítimas que calquera outra”. (Na imaxe, instalación no concello de San Sadurniño)

Sociedade

Publica o teu comentario agora