Arde Galicia con lume forestal

Arde Galicia con lume forestal

20 de Agosto, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

Dicia así un fragmento dunha canción de Os Resentidos na década dos 80. Pero a cita podería tamén servir como titular dunha noticia neste mes de agosto. O pronóstico meteorolóxico augura unha fin de semana chea de calor e de altas temperaturas polo que a alerta será máxima ante o elevado risco de incendios.

Esta semana a polémica política tamén chegou ao monte. O PSdeG PSOE afirmou que "é en inverno cando hai que comezar a apagar os lumes" criticando á Xunta de Galicia por non ter asinado convenios cos Concellos para realizar labores de prevención. Tamén o BNG reclamou unha política de valorización do monte mediante actividades gandeiras ou micolóxicas e aproveitamento enerxético da biomasa. Os nacionalistas censuraron o abandono do programa do Voluntariado, das UXFOR e do Bantegal.

Voluntariado en Ordes

O programa de Voluntariado Verde que o Concello de Ordes promove dende a súa Concellería de Medio Ambiente, conta cun bloque de actividades de vixiancia e prevención de lume que pretende ser unha iniciativa de apoio, sensibilización e información sobre a a necesidade de protexer o noso medio.
 
Así, onte xoves día 19 de agosto tivo lugar no Centro Comarcal de Ordes un curso de iniciación á vixiancia e prevención de lumes para os voluntarios ordenses. O encargado de impartir o curso foi un técnico forestal participante no programa de Voluntariado en Defensa do Monte Galego que promove a Xunta de Galicia.
 
Con este curso preténdense cumprir os obxectivos de mellorar, sistematizar e cualificar a formación do voluntariado; así como os de crear unha estructura de información, formación e sensibilización do voluntariado.
 
Asimesmo, logo de proporcionar ós voluntarios a formación e información necesaria, traballarase en labores de vixiancia e prevención de incendios diversificando as zonas de vixiancia, repetindo o menos posible as rutas, abarcando o maior territorio posible, buscando espazos que se adapten ós obxectivos do programa de Voluntariado Verde, buscar gran visibilidade os días de risco de incendios, coñecer o medio natural, a súa xeografía, a xente, flora, fauna, historia e potenciais. Tentarase compaxinar estas accións coas xa iniciadas dentro do bloque de actividades de sendeirismo preparando roteiros a pé.
 
 

Segundo palabras do concelleiro de Medio Ambiente, Jesús Pedreira, "temos un desafío moi importante na conservación do patrimonio natural en Galicia posto que, só dende o 4 de agosto deste ano os incendios levan queimadas na nosa comunidade unhas 77.000 hectáreas. Preocuparse polo ambiente é preocuparse polo futuro e a calidade de vida de cada un"

Andaina polo roteiro do Mercurín mañá sábado

Por outra banda o Concello de Ordes, tamén a través do programa Voluntariado Verde, está a traballar en actividades de sendeirismo e roteiros pola comarca de Ordes, promovendo nesta ocasión unha nova andaina polo roteiro do río Mercurín mañá sábado 21 de agosto.

A saída realizarase pola mañá, ás 9 horas e está previsto que a andaina, dunha lonxitude de 15 kilómetros, dure aproximadamente 4 horas. Todas aquelas persoas que queiran participar teñen a xornada de hoxe venres para anotarse no Departamento de Medio Ambiente do Concello de Ordes.

Sociedade