Ares acolle unha xornada sobre o rescate de persoas desaparecidas

Ares acolle unha xornada sobre o rescate de persoas desaparecidas

21 de Outubro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O municipio de Ares - A Coruña- acollerá mañá sábado a I Xornada teórico-práctico de busca e salvamento de persoas desaparecidas, unha iniciativa presentada a pasada semana polo concelleiro de Seguridade, Eugenio Fernández Lago, e os responsables da Policía Local (Fernando López Nodar), Protección Civil de Ares (Carlos Rivera), Casaga (Alejandro Barreiro) e Expogal (Javier Davila).

A xornada vai dirixida a membros da Sociedade Cinolóxica Galega Expogal, da Asociación de Cans de Rescate de Galicia e persoal e técnicos dos servizos de Protección Civil, grupos de voluntarios de Ares e agrupacións convidadas así como persoal do Tercio Norte de Ferrol. O seu principal obxectivo é o da formación e desenvolvemento persoal destes grupos de profesionais –unhas trinta persoas- no eido da planificación e toma de decisións vencelladas coas tarefas de busca e salvamento de persoas desaparecidas.       

En total, serán sete horas teórico-prácticas, repartidas entre as 10.00 e as 18.30 horas. Neste sentido, hai que destacar que as tres primeiras horas adicaranse á teoría de protocolos de busca, como a coordinación entre grupos, cartografía da zona ou a realización de fichas de recepción de aviso, entre outras cuestións de interese. A Alianza Aresana é o escenario no que se impartirán estes temas.

Despois do xantar, que se levará a cabo no mosteiro de Santa Catarina, as persoas que sexan designadas víctimas ocuparán as súas localizacións para, entre as 15.30 e as 18.30 proceder ao simulacro de busca e salvamento polos montes de Ares.

Sociedade