Ares inicia a súa campaña electoral centrando a súa atención no rural

Ares inicia a súa campaña electoral centrando a súa atención no rural

10 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

O candidato socialista á alcaldía de Boiro, Juan Jesús Ares, quixo iniciar a súa campaña ás eleccións municipais 2011 centrando a súa atención nas necesidades e inquedanzas dos habitantes do rural boirense, con sendos mitins celebrados o sábado e o domingo pasados, nos centros sociais de Cures e Macenda respectivamente.

Acompañando ao candidato Ares estivo anúmero dous da lista, Natalia Laíño, concelleira de Servizos Sociais, e como invitada no mitin do domingo en Macenda, a deputada socialista no Parlamento de Galicia Carmen Mejide, quen gabou a traxectoria política e as cualidades humanas de Ares, destacando o seu compromiso con Boiro e a súa defensa firme dos intereses dos boirenses diante das institucións e os poderes públicos á hora de acadar financeamento para os proxectos municipais. A parlamentaria afirmou que Ares se atopa nun momento de madurez política que o converten no candidato idóneo para capitanear con firmeza, honestidade e sabiduría o Concello de Boiro nas actuais circunstancias de inestabilidade socioeconómica.

Tras un video no que se mostraron as diferentes actuacións realizadas nas dúas parroquias pola Concellería de Obras, Vías e Servizos dirixida por Ares, o candidato deu conta aos veciños da labor realizada e dos proxectos de futuro para a comarca rural de Boiro que forman parte do programa socialista.

As próximas citas cos veciños serán o martes 10 no Bar Corea de Triñáns , e o xoves 12 en Bealo.

Sociedade