Arquitectura e comida fúndense nunha novidosa proposta do MARCO para adultos

Arquitectura e comida fúndense nunha novidosa proposta do MARCO para adultos

28 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

“Construíndo o tempo ausente”, este é o nome dun programa de visitas e talleres para adultos que mañá arrinca no museo MARCO de Vigo. Trátase dunha iniciativa vinculada á exposición de Carlos Bunga (O Porto, Portugal, 1976), situada no Espazo Anexo do MARCO. Baixo o título “Heterotopías”, o artista realiza unha aproximación

O proxecto de Bunga desenvolveuse a través dun proceso de investigación, con traballo de campo, visitas a bibliotecas/hemerotecas, realización de fotografías/vídeos, e encontros con cidadáns. A exposición do Anexo, que inclúe varias series de debuxos, fotografías, colaxes, un vídeo e un arquivo sonoro, realizouse a partir dos materiais obtidos na fase de investigación.

A proposta didáctica “Construíndo o tempo ausente” consiste nunha visita guiada e un taller desenvolvidos no propio espazo expositivo, e que se relacionan directamente cos contidos abordados polo artista: a evolución urbanística de Vigo, a idea de cidade e de construción, e o peculiar vínculo que establece entre arquitectura e comida.

A intención é que sexan os propios participantes quen constrúan o diálogo coa exposición, partindo das súas experiencias e coñecementos, así como da memoria colectiva da cidadanía de Vigo, e do que lles suxire o contacto directo coas obras, como forma de achegamento á creación contemporánea. En función das características de cada grupo, abórdanse cuestións formais e de contido, mediante exercicios de observación, análise, reflexión e interpretación. As propostas desenvólvense a través dunha actividade individual (elaboración dunha fotomontaxe) e de forma colectiva (construción dun “cadáver exquisito”).

Os obradoiros desenvolveranse desde mañá, 29 de setembro, e ata o 16 de outubro. Terán lugar no Espazo Anexo os martes, mércores, xoves e venres, coa posibilidade de elixir entre 3 quendas: ás 11.00, ás 12.30 e ás 17.00 horas. A participación é gratuíta, pero hai que pedir unha cita previa no 986 113 900. Os grupos serán como máximo de 15 persoas por quenda.

Cultura