Arrebata o frescor aos bosques galegos

Arrebata o frescor aos bosques galegos
19 de Marzo, 2020 - 01:15 h. | Publicada por Radio Fene

Felipe Bello Piñeiro organiza no Centro Gallego de Madrid a " I Exposición de Pintura Regional Gallega" inaugurada o 1 de maio de 1912. Expón por primeira vez na súa vida, igual que Castelao, nesta mostra.

ESCOITA O PODCAST:

Será nos anos da súa estancia en Madrid cando Bello Piñeiro se dea a coñecer. Frecuentaba o Centro Gallego da capital para asistir a conferencias de Basilio Álvarez, Emilia Pardo Bazán ou a tertulias cos pintores de renome Llorens ou Sotomayor e o arquitecto Antonio Palacios. Alí coñece tamén a Castelao e a Prudencio Canitrot. Ocúrreselle ao pintor do Seixo organizar no mesmo Centro Gallego a “Primera Exposición de Pintura Regional Gallega”. No comité organizador encóntranse Castelao e o propio Bello Piñeiro. O día 1 de maio de 1912 inaugúrase a mostra coa presencia dos Reis de España, convertíndose en todo un acontecemento. Bello Piñeiro empeza a darse a coñecer o mesmo que outros pintores novos como Imeldo Corral. Tempo despois, cando ten ocasión, lembra que Castelao e máis el fixeron a súa primeira exposición xuntos. Pero sobretodo esta exposición conseguiu recuperar a moitos pintores nosos que empezaban a caer no esquecemento, como Pérez Villaamil, Ovidio Murguía…E foi desde logo a consagración de Francisco Llorens e Fernando Álvarez de Sotomayor.

O éxito non chegou para que lle concedese A Real Academia de Bellas Artes unha pensión para estudar no extranxeiro. Contrariado, Felipe volve ao Seixo na primavera de 1913 e ponse a pintar paisaxes que lle sirven para a súa primeira exposición individual en Ferrol. Un toque de romanticismo e outro de realismo animan as vinte paisaxes presentadas na cidade departamental onde acada moito éxito. “Arrebata o frescor aos bosques galegos…” escribiu un dos críticos vendo, entre outras,  a obra “Lodairo”.

Despois da exposición de Ferrol, Bello Piñeiro retorna a Madrid onde entra en contacto coa cerámica. A súa producción pictórica nestes anos é prolífica como demostran novas exposicións como a individual de 1917 en Madrid. Colga 35 paisaxes cunha visión da natureza máis poética e íntima, máis personal. “El soto triste” ou “El castillo de Andrade” son mostra da variación da súa paleta e chegan a relacionarse con poesías de Pondal. Finalizada esta mostra, Bello Piñeiro volve definitivamente para o Seixo onde se establecerá coa súa nai doña Lola. Volve en xuño e en agosto convídano a participar na II Exposición de Arte Regional na Coruña. Entre as tres obras que envía está “Los pinos del promontorio” que acapara toda a atención. Serviulle para que o recoñecese toda Galicia e a emigración galega en América. “El pino gallado” ou “Boado” son bos exemplos deste momento na vida do pintor no Seixo.

Pero quizás o máis interesante é ver como Bello Piñeiro empeza a interesarse por estudar e investigar. Nace a súa intención de fundar a “Hermandad de Artistas Gallegos” que aúnen esforzos por facer unha pintura enraizada na terra fuxindo de influencias extrañas. “Facer unha pintura de realidades profundas” chámalle el. No verán de 1919 trasladase a Viveiro para empezar a investigar sobre a Real Fábrica de Sargadelos, un selo da identidade galega irrefutable. Aproveita para cumplir o encargo de pintar  muráis nas estancias da casa Agrelo, cuxa inspiración modernista lembra os deseños de William Morris. A “Historia de Sargadelos” de Bello Piñeiro publicouse en 1922 pola Sociedad de Amigos de las Artes.

Deixamos de momento ao noso pintor instalado de novo no Seixo onde será frecuente velo cargado cos seus pesados bártulos, dibuxando e pintando, polos recunchos da súa aldea. Pintando sen parar. En 1925 encárganlle a decoración mural do Pazo do Piñeiro cerca do Seixo, tamén das súas portas, vidrieiras, azulexos e bancos do xardín. Nos anos corenta, un incendio desatado no inmoble destrúe toda a obra de Bello Piñeiro. En xuño de 1925 o Casino de Ferrol encárgalle a decoración mural dunha das salas sa sociedade. Pero esa é outra historia que abordaremos no seguinte capítulo.

Cultura

Publica o teu comentario agora