Arte, creatividade e técnica conflúen no I Certame de Pintura Rápida de Vilalba

Arte, creatividade e técnica conflúen no I Certame de Pintura Rápida de Vilalba

15 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo e o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) organizan, xunto con Tar Asesores e o Mesón A Lareira, o I Certame de Pintura Rápida de Vilalba. O concurso terá lugar o vindeiro sábado 19 de setembro na Praza da Constitución da capital comarcal, entre as 11.00 e as 17.30 horas. A participación estará aberta a todos aqueles que desexen probar a súa valía como artistas plásticos.

Os materiais a empregar serán o papel, a tea ou o taboleiro e deberán ser aportados polos propios participantes. Só se admitirá un soporte por concursante e a obra deberá estar montada sobre un bastidor ou material ríxido, totalmente en branco e de superficie lisa. O tamaño será dun mínimo de 50 cm. e dun máximo de 116 cm. en calquera dos seus lados. As técnicas pictóricas admitidas serán: óleo, acrílico e  acuarela.

 

 

O tema principal sobre o que xirará o certame será o casco urbano de Vilalba. O cadro pintarase diante do motivo escollido polo pintor (in situ), e non se aceptará o uso de fotografías ou reproducións para a realización do mesmo.

 

O Certame rematará ás 17:30 horas, debendo presentarse todos os participantes cos seus traballos, sen asinar, nos soportais da Praza da Constitución para seren expostos nos seus cabaletes. O xurado comunicará a súa decisión inapelable contra as 19.00 horas. Os premios terán unha bonificación económica, de 1.200 euros para o gañador, de 900 para o segundo clasificado e de 700 para o terceiro. Concederanse tamén dous accésits de 600 e 500 € respectivamente.

 

As obras premiadas pasarán a ser propiedade das entidades que outorguen os premios, que tamén se reservan os dereitos de reprodución. No caso dos accésit, as empresas patrocinadoras elixirán a obra en orde de maior a menor cantidade achegada. As obras non premiadas poderán continuar expostas para a súa venda ao público até as 20:30 horas, debendo ser retiradas polos autores a partir dese momento.

 

Aqueles que desexen inscribirse poderán facelo no enderezo electrónico info@iescha.org ou ben, chamando aos teléfonos: 639-246459 // 651-361628.

Cultura