Arte que volve ao estaleiro

Arte que volve ao estaleiro
15 de Novembro, 2018 - 10:40 h. | Publicada por Radio Redondela

Vigo e Ferrol únense de novo a través da construción naval. En Bouzas e en Fene traballaron e traballan algúns dos mellores soldadores, armadores, plomeiros, delineantes, calquistas e calafates do mundo. O seu labor vólvese arte.

Estaleiro Armada en Bouzas

Pantoque. Parte case plana do casco dun barco, que forma o fondo xunto coa quilla. Pantoque é un proxecto creativo multidisciplinar, desenvolvido polo artista plástico Ramón Trigo e o fotógrafo e realizador audiovisual Eduardo Armada. A idea primixenia de Pantoque é a realización dun proxecto artístico de investigación baseado na confluencia de dous modos de narración que parten dunha mesma realidade compartida: explorar coa linguaxe plástica e visual sobre o tanxible, o espazo arquitectónico e o proceso de traballo dun estaleiro. A través da observación da actividade diaria e a relación do ser humano co feito construído e o mar, ambas as dúas linguaxes interrelaciónanse na busca dun lugar común. O espazo elixido é Astilleros Armada, situado en Bouzas, Vigo, dende os anos vinte, e con case un século de vida tras tres xeracións dunha familia inexorablemente unida ao mar e á historia da cidade. O proxecto parte da experimentación creativa sobre o espazo arquitectónico e o traballo dos operarios no estaleiro. Lugar, Arquitectura, Mar e Factor Humano. En setembro de 2016, Ramón Trigo traslada o seu taller a Astilleros Armada. Alí, durante doce meses convivirá cos traballadores reinterpretando a actividade do estaleiro esfarelada pola súa visión plástica. Ao mesmo tempo Eduardo Armada documenta en vídeo e fotografía toda a acción. O proceso convérteos nun só home. O artista e a súa sombra. Dúas formas visuais de narración onde a pintura suxire e o vídeo e a fotografía documentan.

Sociedade

Publica o teu comentario agora