A arte vístese de gala no Marco de Vigo

A arte vístese de gala no Marco de Vigo

09 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

A arte vístese de gala o vindeiro fin de semana en Vigo. Palabras como interdisciplinariedade cárganse de sentido á vista dos actos programados para conmemorar os 7 anos de apertura do Marco (Museo da Arte Contemporánea). O alcalde de Vigo Abel Caballero e o director do Museo Iñaki Martinez presentaron este mediodia o amplo programa de actividades.

O 13 de novembro de 2009, o MARCO cumpre sete anos dende a súa apertura ao público en 2002. Co gallo desta celebración, o venres 13, sábado 14 e domingo 15 de novembro terá lugar a festa do 7º aniversario, cun amplo programa de actividades para públicos de todas as idades, que se suman ás tres exposicións temporais que actualmente se amosan en salas:

JORGE BARBI. 41º 52’ 59” latitude N / 8º 51’ 12” lonxitude O, na planta baixa
ESPELLOS/MIRRORS, no 1º andar
NICOLÁS COMBARRO. Obra negra, no Espazo Anexo

Nesa fin de semana especial, o museo permanecerá aberto durante a noite: dende as 11.00 da mañá do sábado ata as 05.00 da madrugada do domingo, e dende as 11.00 ata as 21.00 do domingo, nun horario diurno tamén ampliado.

As actividades programadas para esta edición inclúen a presentación da obra audiovisual NEXUS, de Félix Fernández, Diana Larrea e Andrés Senra. Tamén, a colaboración co Festival ‘Chámalle X’ traerá ao MARCO unha performance da artista alemá Nezaquet Ekici, o venres 13 de novembro. Durante a fin de semana, o público poderá gozar de actividades como o proxecto DOLL-is de bonecas interactivas, de Alberto Valverde e María Castellanos; talleres infantís para familias; xogos de pistas na Biblioteca; un mercado de libros na tenda-libraría Plaxio... e moi especialmente un programa nocturno que inclúe poesía, música e danza nas salas de exposición, nunha noite animada por concertos e DJ no MARCO Restaurante&café.
 

PROGRAMACIÓN E ACTIVIDADES

‘Nexus’, de Félix Fernández, Diana Larrea e Andrés Senra
Presentación da obra audiovisual Nexus, 2009, 8’ 7’’_Vídeo en tripla proxección
Produción: Sandra Hermida e Colosé Producciones

•    Lugar: salón de actos
•    Horario: venres, sábado e domingo, de 11.00 a 21.00 (en continuidade)

Este traballo audiovisual nace do encontro de tres artistas plásticos con intereses comúns cara a certas iconas cheas de significado na nosa sociedade occidental contemporánea. Nesta ocasión dirixiron o seu interese cara a un fito cinematográfico que constitúe todo un referente dentro do imaxinario visual colectivo: a película Blade Runner, un paradigma cultural que transcendeu moito máis alá do xénero de ciencia-ficción ao que pertence. O proxecto Nexus xira en torno a esta epopea postmoderna, tan rica en alusións filosóficas e teolóxicas, e materialízase nunha ambiciosa proposta audiovisual que, de modo subxectivo e particular, afonda no sentido esencial deste mito. O proxecto está composto por tres gravacións, rodadas en calidade cinematográfica, concibidas para ser expostas nunha tripla proxección simultánea. Cada unha das cintas toma como punto de partida a un dos tres replicantes protagonistas deste relato: o líder Roy Batty, o seu fiel amigo Leon Kowalsky, e a sofisticada Rachael, suposta sobriña do xefe da compañía Tyrell Corporation. Baseándose nestas tres personalidades, os autores indagan de xeito libre e independente en certos conceptos universais que formula o filme orixinal.

Performance ‘Hullabelly’, de Nezaket Ekici_Festival Chámalle X
Clausura Festival ‘Chámalle X’. VI Xornadas de Arte de Acción
Organiza: Facultade de BBAA de Pontevedra / Patrocina: Vicerreitorado do Campus de Pontevedra

•    Lugar: panóptico central (planta baixa)
•    Horario: venres ás 20.30

O Festival 'Chámalle X'' (VI Xornadas de Arte de Acción) desenvolverase entre o 10 e o 13 de novembro en espazos urbanos da cidade de Pontevedra, na Facultade de Belas Artes e, por primeira vez, no MARCO de Vigo. ‘Chámalle X’ nace no ano 2004 co propósito de mostrar ao público un amplo panorama da performance en España. Con este achegamento preténdese potenciar e manter o interese cara a este modo de facer, e ofrecer un espazo para a difusión de interesantes discursos emerxentes. A sexta convocatoria, neste 2009, amplía os seus horizontes e inclúe a presenza de artistas internacionais, coa nova sección ‘País invitado’, que este ano se dedica a Alemaña. No contexto deste programa, coincidindo coa clausura do Festival, a artista alemá Nezaket Ekici presentará no MARCO a performance titulada ‘Hullabelly’ (2002), unha obra que afonda en cuestións de xénero, e que tamén foi realizada na Bienal de Venecia de 2003.
 

Proyecto ‘DOLL-IS’_Bonecas interactivas
Bonecas autoconversadoras participativas
Autores: María Castellanos e Alberto Valverde

•    Lugar: vestíbulo do 1º andar e outros espazos do MARCO
•    Horario: venres de 17.00 a 21.00; sábado e domingo de 11.00 a 15.00 (modo autoconversa) e de 17.00 a 21.00 (accións co público)

DOLL-IS, unha produción de María Castellanos e Alberto Valverde (Facultade de Belas Artes de Pontevedra), é un proxecto baseado nun sistema de conversación carente de sentido real e intelixente. Este sistema limítase a almacenar frases que o espectador introduce, devolvéndoas de forma case aleatoria para crear ilusión de conversación. A plataforma web http://www.doll-is.com constitúe a primeira fase do proxecto. Os visitantes da web poden ir introducindo as súas frases, interactuando e conversando co sistema, á vez que enriquecen a base de datos de frases e palabras, máis tarde reproducidas polos bonecos DOLL-IS nas súas conversas. Os datos almacenados ao longo desta fase web serven posteriormente para trasladar a DOLL-IS do virtual ao físico, materializándose en bonecos capaces de conversar con outros das súas mesmas características, e tamén interactuar con persoas respondendo ás súas conversacións con frases previamente almacenadas. No 7º aniversario do MARCO, dúas bonecas DOLL-IS mostrarán as súas habilidades interactivas, tanto no modo autoconversa coma nas súas intervencións co público.

‘7 xogos para 7 velas’_Talleres para familias
Selección das mellores actividades didácticas do MARCO nos últimos anos
Selección de pezas audiovisuais do Festival ArtFutura nos últimos anos
Nenos/as a partir de 3 anos acompañados de persoas adultas

•    Lugar: Laboratorio das Artes
•    Horario: venres de 18.00 a 20.00; sábado e domingo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00
NOTA: o venres ao serán, sábado e domingo pola mañá, os adultos acompañantes poderanse ausentar do taller. O sábado e domingo pola tarde permanecerán no espazo de didáctica.

Como cada ano nesta ocasión, o departamento educativo do MARCO ten preparada unha programación especial de talleres e actividades para familias. Para este 7º aniversario realizouse unha selección das actividades didácticas realizadas nos últimos sete anos que tiveron mellor acollida entre o público infantil, adaptables na súa duración e características en función do número de participantes. Todo iso terá lugar no Laboratorio das Artes, o espazo de didáctica do 1º andar. Ademais, realizouse unha selección de pezas aptas para público infantil do programa audiovisual do Festival ArtFutura nos últimos anos, para que os máis pequenos poidan gozar das mellores creacións de programas como ‘Funnies Futura’ ou ‘3D en España’.
 

‘Cada obra coa súa parella’
Xogos de busca e correspondencias de imaxes/catálogos

•    Lugar: Biblioteca-Centro de Documentación
•    Horario apertura: sábado e domingo de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00
•    Horario xogos: sábado e domingo ás 12.00 (sesión1/sesión2) e ás 18.00 (sesión2/sesión1)

Unindo os seus obxectivos de difusión da cultura contemporánea, coa familiaridade e coñecemento da programación do MARCO, a Biblioteca-Centro de documentación do MARCO propón para esa fin de semana un xogo de buscas e correspondencias entre imaxes e catálogos que porá a proba a memoria e a percepción visual dos participantes. Trátase de analizar unha selección de 15 fotografías de obras que estiveron presentes en mostras colectivas do MARCO ao longo destes sete anos, e localizar o nome do artista, título da obra e exposición correspondente. Como axuda documental, na mesma sala sitúase un conxunto de catálogos de exposicións do MARCO. Para que cada persoa poida participar máis dunha vez, o xogo ten dúas modalidades ou sesións, con obras e autores diferentes. Os premios consisten en lotes de catálogos e pases para todas as sesións do programa audiovisual de ArtFutura, que durante estas semanas se exhibe no salón de actos.

‘Unha noite no Museo’
Accións e intervencións de poesía, música e danza nas salas da exposición de JORGE BARBI

•    Lugar: salas de exposición da planta baixa
•    Horario: madrugada do sábado ao domingo

PROGRAMA
•    00.00    Carlos Oroza_poesía_Una porción de tierra gris
•    01.00    Nicasio Gradaille + participantes taller ‘John Cage. Música indeterminada’_Music Walk
•    02.00    Yolanda Castaño_poesía
•    03.00    Olga Cameselle e Alfredo Rodríguez_danza
•    04.00    Antón Lopo_intervención no espazo_5 minutos

Na madrugada do sábado ao domingo, as salas da exposición de Jorge Barbi ofrecen un espazo privilexiado para que os visitantes poidan gozar das propostas doutros creadores. Ás 12 en punto, a voz do poeta Carlos Oroza inaugura este percorrido nocturno, recitando un fragmento do poema titulado Una porción de tierra gris. O músico e profesor do Conservatorio Nicasio Gradaille ofrécenos un ‘Paseo Musical’, resultado dun taller matinal sobre a ‘Música Indeterminada’ de John Cage, no que os participantes terán composto a súa propia partitura. A continuación, accións nas salas de exposición protagonizadas pola poetisa Yolanda Castaño e de Olga Cameselle e Alfredo Rodríguez, compoñentes de Disque Danza. Pecha a programación nocturna unha intervención no espazo do escritor, xornalista e actor Antón Lopo.
 
 
Concertos no MARCO Restaurante&café
Concertos e DJ en directo

•    Lugar: MARCO Restaurante&café
•    Horario: en continuidade dende as 23.00 do sábado ata as 05.00 do domingo

PROGRAMA
•    23.00        Ricardo Rodríguez (Lugo, cantante de Holywater)_ pop, acústico de guitarra
•    00.00        Un Lobo en la Jaula (Vigo)_ instrumental post-Rock, mogwai
•    00.45        Ramón el Rubio (Vigo)_ percusión
•    01.30    Jam session con membros de bandas como Cró!, Buohg! e Un Lobo en la Jaula, entre outros
•    03.00        MC Aligator (Francia)_ funky, reggae, afro-beat, drum & bass
        
Este ano o MARCO Restaurante&café únese á programación desta Festa Aniversario para celebrar con todo o público 7 anos de apertura e de boa música, nunha sesión que se prolongará ata as 5 da madrugada.
www. www.marcorestauranteycafe.com

Mercadiño do libro
Libros e catálogos a prezos moi especiais

•    Lugar: tenda-librería PLAXIO (vestíbulo principal)
•    Horario: venres e domingo, de 11.00 a 21.00; sábado de 11.00 a 22.00

Con ocasión da festa aniversario, a tenda-librería PLAXIO ofrece unha selección de fondos con importantes descontos sobre o prezo de venda ao público: catálogos do MARCO, libros de deseño, arquitectura, fotografía e literatura infantil, nunha oferta realmente especial, a disposición dos visitantes no vestíbulo do museo.
http://plaxiomarco.blogspot.com/

O MARCO por dentro
Visitas guiadas ás exposicións temporais na compaña de monitores de sala

•    Lugar: salas de exposición
•    Horario: sábado e domingo ás 13.00, ás 17.00 e ás 19.00

Durante toda a fin de semana, o persoal de salas estará a disposición dos visitantes para realizar percorridos comentados por todos os espazos expositivos: a mostra colectiva ESPELLOS/MIRRORS no primeiro andar, a grande individual de JORGE BARBI na planta baixa, e o proxecto de NICOLÁS COMBARRO no Espazo Anexo.

Cultura